Moaña incorpórase ás restricións máis severas, que se levantan en oito municipios 

Sanidade suaviza as medidas en Verín, Amoeiro, Coles, Trazo, Boqueixón, Val do Dubra, Monforte e Campo Lameiro
O conselleiro García Comesaña. EP
photo_camera O conselleiro García Comesaña. EP

O comité clínico que analiza a expansión do coronavirus en Galicia decidiu incorporar ao municipio pontevedrés de Moaña ao grupo dos territorios coas restricións máis severas, do cal por contra, saen os concellos de Verín, Amoeiro e Coles, na provincia de Ourense; Trazo, Boqueixón e Val do Dubra, na provincia da Coruña; e Monforte e Campo Lameiro. 

Na súa reunión deste martes, o grupo de expertos, presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, decidiu incorporar a Moaña ás medidas do nivel 3, que supoñen o peche perimetral do municipio, que os locais de hostalaría só poden abrir para servizos de comida para levar e que quedan prohibidas as reunións sociais entre persoas que non viven baixo o mesmo teito. 

Por contra, o comité clínico de expertos que segue a evolución da Covid-19 en Galicia decidiu o levantamento das restricións máis duras nos oito municipios devanditos, co que son 62 os concellos coas medidas do nivel 3, incluídas as sete grandes cidades galegas. 

Todas estas medidas serán publicadas este mércores no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partir da medianoite do mércores para o xoves. 

No entanto, nas localidades de coruñesas de Ribeira e Dumbría, nas ourensás de Petín e A Rúa e na pontevedresa da Lama acordouse implementar "unha observación específica" da súa evolución epidemiolóxica, aínda que polo momento continúan co nivel de restricións actual. 

Comentarios