Montero, ante as presións autonómicas polo Ive: "Son unha roca para as ameazas"

A ministra de Facenda móstrase disposta a estudar "medidas paliativas" para solucionar a liquidación de 2017
A ministra de Facenda e Portavoz do Goberno, María Jesús Montero, durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)
photo_camera A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, advertiu este mércores de que é "unha roca para as ameazas" despois de que varias comunidades autónomas, Galicia entre elas, mostraran a súa intención de recorrer á vía legal para reclamar a recadación de Ive de 2017 que consideran que se lles debe. Nunha entrevista en Antena 3, Montero, que defendeu o dereito das autonomías para exercer os seus dereitos, considerou que "o Ministerio de Facenda non pode responder en base a ameazas" senón con criterios "xustos".

A partir de aí recordou que é un "tema herdado" do exministro de Facenda Cristóbal Montoro, resultado dun cambio na xestión do imposto, e que o Goberno tratou de corrixilo nos orzamentos de 2019, que o PP "tombou" a pesar de que agora "esixen arranxalo". Con todo, mostrouse disposta a estudar "medidas paliativas" no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), convocado para este venres.

"Intentamos arranxalo en 2019 e tombaron os orzamentos; non pode ser que o PP esixa unha cousa e tombe o que permite arranxalo", di Montero

No caso de Galicia a Xunta anunciou a semana pasada que esgotará todas as posibilidades no ámbito xudicial e levará aos tribunais o Executivo de Pedro Sánchez co fin de que pague os fondos.

Máis aló deste tema, a ministra sinalou que os impostos cedidos, como o de sucesións ou patrimonio, abordaranse no marco da reforma do financiamento autonómico co obxectivo de evitar unha "competencia desleal", xa que algunhas comunidades "piden máis recursos pero están a practicar unha fiscalidade á baixa".

Polo que respecta aos presupostos de 2020, confiou en que a súa negociación non se vexa entorpecida pola previsión de eleccións en Cataluña e o País Vasco, e sinalou que incorporarán as figuras tributarias previstas nas contas de 2019, como o imposto a determinado servizos dixitais ou transaccións financeiras. 

Comentarios