Morre na Coruña tras esperar media hora pola ambulancia

Un traballador do porto exterior de 38 anos faleceu tras sufrir un infarto. Ocorreu o pasado 13 de febreiro
Porto exterior da Coruña. EFE
photo_camera Porto exterior da Coruña. EFE

Un traballador de 38 anos faleceu o xoves 13 de febreiro no porto exterior da Coruña tras sufrir un infarto e unha espera dunha media hora dunha ambulancia, segundo explicaron desde UXT, sindicato ao que pertencía o traballador como delegado sindical. 

Sobre este suceso, explicaron que os feitos se produciron sobre as 08.00 horas e despois de que o traballador sufrise "un infarto". Nese momento, os seus compañeiros trataron de reanimalo e chamaron a unha ambulancia. "Que tardou máis do debido", dixeron sobre a primeira ambulancia. 

En concreto, precisaron desde o sindicato que esta primeira ambulancia non chegou ao lugar ata "25 ou 30 minutos despois", pero expuxeron que tampouco "estaba preparada" para un caso como o do operario. "Tivo que ir unha segunda ambulancia", engadiron. 

Por outra banda, aseguraron que están á espera da autopsia para exporse se esixen que se depuren responsabilidades e tamén do informe da Inspección de Traballo. 

Con todo, criticaron que non haxa ningún servizo sanitario nas instalacións de Langosteira. "Non hai médico, nin un ATS", explicaron, asegurando que é unha demanda de todos os traballadores, non só dos que traballan para Galigrain, a empresa para a que o falecido realizaba labores de descarga. 

Comentarios