Morre un home en Arbo tras sufrir un accidente de tractor

O vehículo envorcou, deixando ao condutor atrapado debaixo

Un home faleceu este venres no lugar de Abelenda do Cuarto, no concello pontevedrés de Arbo, tras sufrir un accidente co seu tractor. 

Tal como informou o 112 Galicia, o sinistro produciuse ao redor das 15.30 horas, cando o vehículo envorcou, deixando ao condutor do mesmo debaixo da maquinaria agrícola. 

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tiveron constancia do sucedido a través dunha chamada de alerta dos servizos sanitarios de urxencia, que informaron que se desprazaron ata o lugar dos feitos. 

Debido á gravidade das lesións, o persoal sanitario confirmou a saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense para a evacuación do ferido. Así mesmo, desde o 112 Galicia requiriuse a intervención dos Bombeiros de Ponteareas, así como da colaboración dos axentes da Garda Civil. 

Con todo, a pesar dos esforzos dos efectivos sanitarios, nada puideron facer por salvar a vida ao condutor.