Morre un home tras caer dun cabalo en Boiro

Os feitos tiveron lugar uns minutos logo das 19,00 horas deste sábado

Un home faleceu ao caer dun cabalo na tarde do sábado no lugar de Runs, no termo municipal de Boiro, informou o 112 Galicia.

En concreto, os feitos tiveron lugar uns minutos despois das 19,00 horas deste sábado. Foi un particular quen contactou co 112 Galicia para alertar do sucedido, sinalou o servizo de urxencias.

Tras o aviso, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia requiriu a intervención do 061, que mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Tamén, por parte do 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Policía Local, da Garda Civil e do Servizo Municipal de Protección Civil. Unha vez no lugar dos feitos, os servizos sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida ao home.