Morre un home na praia de Tanxil, en Rianxo

Sufriu unha indisposición cando se bañaba

Un home faleceu na tarde deste martes ao sufrir unha indisposición cando se bañaba na praia de Tanxil, no municipio coruñés de Rianxo. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar sobre as 17.30 horas.

Os demais bañistas levaron o home á beira e intentaron reanimalo ata que chegaron os profesionais. Unha vez na praia, os efectivos sanitarios tampouco puideron facer nada por salvar o home, que faleceu no punto. 

O persoal do 112 informou a Protección Civil, á Policía Local e ao 061-Urxencias Sanitarias, que desprazou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o areal.