Morre o veciño de San Tirso de 32 anos que sufriu unha picadura de vespa velutina

Levaba varios días en coma nun hospital de Asturias

Una avispa velutina. ARCHIVO
photo_camera Una avispa velutina. ARCHIVO

O home de 32 anos de idade que se atopaba grave tras ser picado por unha vespa velutina na localidade asturiana de San Tirso de Abres, limítrofe con Lugo, faleceu este sábado. Miguel Álvarez Calvín, que era alérxico a este himenóptero, permanecía en coma desde que sufriu a picadura hai uns días cando se atopaba limpando unha leira, segundo informa El Comercio.

Desde entón estivo ingresado no Hospital Universitario Central de Asturias (Huca). Tras ser picado pola velutina, e consciente da súa alerxia, o  home acudiu á súa casa a buscar as inxeccións necesarias para estes casos, pero por algunha razón esta non lle fixo o efecto desexado.

Descoñécese o tempo exacto transcorrido entre a picadura e a inxección do antídoto. O home xa sufrira episodios similares en anteriores ocasións, nas que outras vespas o picaron pero a inxección que ten que porse si lle fixo efecto.

Nesta ocasión non se recuperou, polo que foi trasladado ao hospital de Jarrio e de alí ao Central de Asturias, onde continuou empeorando. O afectado puido describir á súa familia a vespa que o picou, que era asiática, moi presente nesta zona de Asturias e na limítrofe da Mariña lucense. A súa picadura só é mortal en alerxias moi pronunciadas.

Comentarios