A morte dunha muller en Vigo eleva a 609 os falecidos con coronavirus en Galicia

El primer fallecimiento en la comunidad se registró en el Hospital Povisa de Vigo. DP
photo_camera Hospital Povisa de Vigo. EP

O falecemento dunha muller de 52 anos en Vigo elevou este xoves a 609 o número de vítimas mortais do coronavirus en Galicia, atendendo á información divulgada pola Consellería de Sanidade. A muller estaba ingresada no hospital Povisa e tiña patoloxías previas. 

Con este falecemento, o número total de mortes rexistradas en atención hospitalaria na comunidade galega elévase a 477: 127 na área sanitaria da Coruña, 101 na de Ourense, 92 na de Vigo, outras 85 na de Santiago, 30 na de Ferrol, 26 na de Lugo (dúas delas en atención domiciliaria) e 16 na área sanitaria de Pontevedra. 

A estes casos hai que sumar as 132 mortes rexistradas dentro das residencias de maiores, onde non se notifican novas vítimas desde hai dúas semanas. No entanto, hai que ter en conta que, dentro do cómputo de falecidos en atención hospitalaria, hai 139 persoas que estaban vinculadas con residencias. Así, contados todos, morreron con coronavirus en Galicia 271 persoas vinculadas con centros residenciais, o que supón o 44,5% do total de falecidos con Covid-19 na comunidade.

O Servizo Galego de Saúde ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos. 

Sanidade recomenda á cidadanía que empregue o número de teléfono 061 só para emerxencias ou casos graves, e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. 

Ademais, incide nas medidas de autoprotección e hixiene para tentar deter os contaxios, como o lavado frecuente de mans, especialmente despois de tusir, esbirrar ou soarse. Tamén hai que cubrir o nariz e a boca cun pano —preferentemente dun só uso— ao tusir ou esbirrar, e se non se dispón de pano, facelo na cara interna do cóbado. 

É preciso, ademais, evitar tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Comentarios