Un morto e un ferido grave ao estrelarse un hidroavión na Serra do Xurés

A aeronave portuguesa traballaba na extinción dun lume en Lobios

Un dos tripulantes do hidroavión sinistrado cando realizaba labores de extinción no incendio forestal rexistrado no municipio ourensán de Lobios faleceu.  Diso informou a Consellería do Medio Rural, que explica que o outro piloto sofre varios politraumatismos e foi evacuado a un hospital de Portugal en helicóptero. 

Aínda que a Delegación do Goberno en Galicia fala de tres feridos –os dous pilotos e un mecánico-–, fontes do operativo consultadas por Europa Press din que só atenderon a dúas persoas, que corresponden cos dous pilotos. 

En concreto, o avión sinistrado é unha aeronave CL-2015 da empresa civil Babcock, con sede en Matacán, Salamanca, á que o Goberno de Portugal ten alugados tres avións –dous operativos e un en reserva– operados por Protección Civil no aeroporto de Castelo Branco. 

O incendio no que o hidroavión prestaba labores de extinción e que afecta ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés rexistrouse en Lobios (Ourense) ás 8.00 horas da mañá procedente de Portugal. 

Segundo as primeiras estimacións da Consellería de Medio Rural, afecta a unhas 10 hectáreas en territorio galego. No control participan catro axentes, oito brigadas, tres motobombas, nove avións e cinco helicópteros. 

O CIAE 112 Galicia solicitou a intervención dos servizos sanitarios, do GES de Lobios, Salvamento Aéreo e Rescate, así como da Garda Civil. 

Comentarios