Multado con 600 euros por incumprir o confinamento "en reiteradas ocasións"

Foi sorprendido na vía pública sen xustificación os días 18, 19, 27 e 31 de marzo e o 4 de abril
Un coche de la Guardia Civil. ARCHIVO
photo_camera Un coche de la Guardia Civil. ARCHIVO

O xulgado de Instrución número 2 do municipio pontevedrés de Ponteareas condenou a un home a pagar 600 euros por incumprir a orde de confinamento que se declarou como consecuencia do estado de alarma decretado polo Goberno o pasado 14 de marzo.

O home foi condenado por un delito de desobediencia grave, xa que incumpriu "en reiteradas ocasións, a propósito e sen causa xustificada" as normas establecidas para solucionar a crise sanitaria do COVID-19.

Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o autor dos feitos mostrouse conforme coa pena interposta. Fora sorprendido na vía pública os días 18, 19, 27 e 31 de marzo sen xustificación, polo que foi denunciado administrativamente.

Logo de todo iso, este sábado 4 de abril, axentes da Garda Civil interceptárono no municipio de Mondariz-Balneario ás 21,00 horas mentres conducía un vehículo. Ante as indicacións de deterse, o home non parou e virou bruscamente noutra dirección para "tratar de eludir o control policial".

O comunicado do TSXG tamén explica que o autor dos feitos mantivo "unha actitude deliberadamente rebelde" e que finalmente foi posto a disposición xudicial, onde o sancionaron con 600 euros de multa.

Comentarios