A nai de Diana Quer critica as palabras do seu exmarido contra as feministas

Asegura que "Diana non só era a súa filla, senón tamén a miña"

Diana López-Pinel. ARCHIVO
photo_camera Diana López-Pinel. ARQUIVO

Diana López-Pinel, nai de Diana Quer, saíu na súa conta de Facebook ao paso dunhas polémicas declaracións contra as feministas realizadas por Juan Carlos Quer, pai da moza madrileña desparecida na Pobra e cuxo cadáver foi achado nunha nave de Asados (Rianxo).

"Desde aquí quero dicir que non comparto as declaracións contra os colectivos feministas vertidas polo meu exmarido e recordarlle que Diana non só era a súa filla, senón tamén a miña... O seu nome era e seguirá sendo Diana Quer López-Pinel", escribiu.

A nai de Diana Quer tamén quixo aproveitar para agradecer as mostras de agarimo recibidas: "Quero agradecer de corazón a todas as persoas, tanto mulleres como homes que ata choraron co noso sufrimento e pola nosa filla".

Juan Carlos Quer fora moi criticado nas redes sociais por escribir na súa conta de Twitter: "O movemento feminista mobilízase en España para defender os dereitos da muller. Pregúntome onde estaban as feministas cando apareceu o cadáver da miña filla Diana Quer, tras ser violada e asasinada. Buscan vinganza, como me dixo a min Pablo Iglesias. Coherencia cero".

Comentarios