A nai da vítima de Boiro, sobre 'El Chicle': "Este tipo fodeulle a vida"

Defende a prisión permanente revisable ante aberracións como as violacións en grupo: "Que mo perdoen, pero tiñan que castrarlos, son animais, non persoas"

A nai da moza de Boiro á que supostamente tratou de raptar José Enrique Abuín Gey, alias El Chicle, asegurou este xoves que a súa filla está "mal" tras revivir na primeira xornada do xuízo o sucedido: "Este tipo fodeulle a vida". 

Á entrada dos xulgados composteláns, onde se está xulgando a Abuín Gey por este intento de rapto, a nai da moza cualificou ao Chicle de "depredador" e "covarde" e dixo que volverá intentar que o acusado a mire aos ollos. "Pero seguramente que non, non ten o valor de mirar", sentenciou. 

A el  [Juan Carlos Quer] tocoulle a peor parte, por desgraza, e está aquí apoiando e loitando por todas as mulleres de España

"Co tempo", a nai da vítima confiou en que a súa filla se vaia "recuperando", aínda que "esquecelo xamais", e dixo que "volver verlle a cara" ao Chicle "non é agradable para ninguén".  A muller mostrouse, ademais, partidaria da prisión permanente revisable. "Aínda debían de pór medidas máis fortes que esas, é pouco para esas persoas", dixo a muller, que se referiu aos que agora se dedican incluso a violar en grupo". "Que mo perdoen, pero tiñan que castrarlos, son animais, non persoas. Nin os animais fan iso", engadiu, tras o que se preguntou se "os ministros teñen os seus escoltas, ¿Que temos os demais?". 

Finalmente, a muller agradeceu a presenza do pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer, que está a ser "un apoio grande". "A el tocoulle a peor parte, por desgraza, e está aquí apoiando e loitando por todas as mulleres de España. A súa filla xa non a ten, pero segue loitando", finalizou. 

Á súa entrada aos xulgados, a continuación, Juan Carlos Quer admitiu os efectos que tivo nel mesmo e na súa familia a morte de Diana: "As vítimas non só son as que se van, tamén son as que quedan". 

Nesta segunda xornada do xuízo polo intento de rapto en Boiro está previsto que declaren unha decena de peritos, que analizarán distintos aspectos relacionados co caso, tras as testificales practicadas o mércores. 

Comentarios