Naturgy prescinde do servizo de atención telefónica en galego prestado desde Ourense

A decisión da compañía deixa no aire 130 empregos. O comité de empresa de Unitono alerta da deslocalización a Reus e sobre todo Colombia
Protesta de trabajadores de Unitono en el pasado mes de abril. CIG
photo_camera Protesta de traballadores de Unitono no pasado mes de abril. CIG

O comité de empresa de Unitono denunciou que a partir do 15 de novembro será efectivo o cesamento do servizo de atención ao cliente de Naturgy —antes Gas Natural Fenosa— prestado en galego desde Ourense, co conseguinte perigo para os 130 empregados. Sinalouno este mércores a presidenta do comité de empresa, Miriam Varela, nunha rolda de prensa organizada para anunciar a deslocalización a Reus (Tarragona) e, na súa maioría, a Colombia do servizo que se prestaba desde hai 10 anos en Ourense. 

O comité de empresa teme polo persoal afectado, dado que Naturgy é o seu cliente principal e que "Unitono só presta outros pequenos servizos a outras empresas que non bastan para cubrir a xornada laboral dos seus traballadores". Nestes momentos, segundo explican os empregados afectados, descoñecen se serán recolocados ou despedidos e tampouco puideron manter contacto coa nova directiva despois de que Unitono, pertencente ao grupo Avanza, fose vendido o pasado 31 de outubro a GSS

O 70% do persoal de Unitono está composta por mulleres cunha media de idade de 45 anos, que quedan, nas súas propias palabras, nunha "situación moi crítica" para volver traballar. 

O comité convocou unha concentración para o día 14

"TRES CULPABLES". O persoal afectado apunta cara a tres culpables: "en primeiro lugar, Naturgy, seguido de Unitono que negou durante meses ter coñecemento do proceso de deslocalización". Tamén sinalan como gran responsable a Administración pola falta de lexislación para evitar este tipo de situacións.

Ademais, o comité de empresa ve como motivos principais que levaron a esta situación "o abaratamento dos salarios e a compoñente política que leva a Naturgy ao querer desvincularse de Galicia". Miriam Varela chamou á implicación de toda a sociedade civil porque "xa que Naturgy explota os recursos galegos e, por conseguinte, contamina Galicia, debería poder esixírselle que todo o traballo auxiliar se preste desde aquí". 

O comité de empresa convocou para o 14 de novembro, de 11.00 a 13.00 horas, unha concentración ás portas da tenda de Naturgy situada na rúa Celso Emilio Ferreiro de Ourense, para a que piden o apoio de toda a sociedade civil co fin de continuar prestando o servizo en galego e desde Galicia. 

Comentarios