Neón no cemiterio da fin do mundo

A artista Luisa Álvarez instala cruces luminosas no camposanto de César Portela en Fisterra, nunha acción impulsada polo estudo aberto da Casa das Peritas

Intervención no cemiterio da Portela. NATASHA LELENCO
photo_camera Intervención no cemiterio da Portela. NATASHA LELENCO

A artista Luisa Álvarez realizou na madrugada do domingo unha instalación no cemiterio deseñado por César Portela no Cabo Fisterra. A obra consiste en estruturas metálicas en forma de cruz ribeteadas con neón.

A instalación comezou ás 21:00 horas e mantívose ata ben pasada a media noite. As cruces iluminaron o deseño do arquitecto César Portela, proxectado no ano 1998 e que hoxe, 20 anos despois e en estado de abandono, continúa sen exercer a funcionalidade para o que foi concibido.

Precisamente o camposanto funciona como significante baleiro, pois non é propiamente cemiterio, ao non poder acoller fenecidos. Do momento no que triunfaba a arquitectura de marca e a administración financiaba obras non sempre entendidas pola cidadanía e as veces vistas como un certo despilfarro de diñeiro público, tal espazo ampara a santidade dunha arte que desacraliza a propia arte, ligándose, ademais, coa tradición da crítica institucional.

Así, o neón, empregado dende a década dos 20 do século pasado como reclamo publicitario, no inicio da sociedade e da comunicación de masas, invita a entrar, a través desta acción, no lugar baleiro. Ademais, as cruces da instalación de Luisa Ávarez funcionan como duelo explícito polos lumes reiterados, a degradación ambiental e en xeral a dinámica autodestructiva do sistema.

A artista, convidado na Casa das Peritas, espazo expositivo de Mallas (Fisterra), traballa o neón, material característico da posmodernidade temperá. Con el, e seguindo a lóxica postindustrial e do espectáculo, adoita evidenciar a era do significante baleiro. Así, unha chave de sol, un emoticono ou un guau, guau! serven para que a artista articule e mostre o significado flotante, máis que a radical falta de sentido.

A Casa das Peritas, lugar de produción e exhibición artística, expón ata o 2 de setembro outras instalacións da artista, que combinan o material con objet trouvé, que dialogan coas pinturas de Natasha Lelenco. Lelenco propón a serie denominada Iconos Familiares, na que se aproxima dende unha perspectiva crítica e analítica á subxectividade que a institución familiar segue a xerar na contemporaneidade.

O espazo abre portas aos visitantes os venres, sábados e domingos, de 12:00 a 14:00 ata o 2 de setembro, e tamén baixo cita concertada en calquera outro horario chamando ao 630 753 448.

Comentarios