"Nestes anos non busquei vitorias na xestión; aprendín a converter ruídos en silencios"

Martiño Noriega vén de anunciar que optará á reelección con Compostela Aberta e, malia que presume do xiro dado á capital galega, é prudente co que saia nas urnas en maio. E dá un toque de atención a En Marea

Martiño Noriega Sánchez (A Coruña, 1975). PEPE FERRÍN
photo_camera Martiño Noriega Sánchez (A Coruña, 1975). PEPE FERRÍN

Que foi o mellor e o peor destes anos na alcaldía?
O peor foi a herdanza recibida e o hábitat no que tivemos que traballar: un Concello que viña dunha lexislatura tan xudicializada que deixou secuelas e había un déficit estrutural con ata un 20% menos de persoal. Iso foi un hándicap, unido a un foco permanente de animadversión por parte daqueles que non asumiron os resultados. E no positivo, logramos visibilizar un traballo serio que permitiu normalizar a vida municipal, que non parece algo moi revolucionario pero que era moi necesario. A sensación é que Santiago pasou páxina, quedou co bo dos útimos anos e esqueceu o malo: a cidade está hoxe noutras coordenadas.

Cambia moito dirixir Teo de ser alcalde en Santiago?
Entre 20.000 e 100.000 veciños hai unha diferenza, pero logo a realidade demostra que o salto aínda é moito maior porque Santiago é pequeno no cuantitativo pero ten unha enorme carga simbólica. Aquí debes dedicar moitos esforzos e gastar enerxías na representación institucional ou na relación de cohabitación co Goberno galego, a Igrexa ou cunha universidade cinco veces centenaria.

Dise que o mellor alcalde de Santiago é o presidente da Xunta de turno e que esta cidade se goberna soa?
Seguro que quen o di non pasou por aquí! [ri] Non sei se na convivencia coa Xunta vai o comido polo servido nin o calculo. Santiago ten recursos propios por ser capitalidade, pero tamén gastos inherentes a ese feito como os dispositivos de seguridade en mobilizacións, eventos e actos institucionais ou a limpeza. Un dos debates que teño con Feijóo é que a partida da capitalidade leva anos conxelada e calcúlase que tería que ser moito máis alta. E cómpre lembrar que afrontamos un récord de turismo que deixa beneficios, pero tamén xera riscos de morrer de éxito e de romper o modelo de convivencia. Esta á unha cidade apaixoante, pero moi complexa.

Política orgánica. "Hai síntomas de que a xente empeza a estar un pouco cansa de que o espazo de unidade non acabe de cohesionarse"

Un problema engadido de convivir coa Xunta pode ser que esta eclipse o Concello e o alcalde.
Sempre houbo cultura de colaboración e estamos obrigados a ela aínda tendo posturas políticas antitéticas. Resulta doado colaborar cando falamos de grandes asuntos, pero noutras cousas o disenso é máis evidente. Por exemplo, a Xunta entende que non hai que regular o turismo e nós abrimos o debate da taxa ou a limitación dos alugueres turísticos.

Segue adiante coa taxa turística?
É un debate que chegou para quedar. Hai momentos nos que os servizos municipais dimensionados para 100.000 habitantes se ven desbordados, como a limpeza, a seguridade, a conservación... Se se paga un euro ou dous por pernocta a xente non vai deixar de vir e iso daríanos recursos para prestar mellores servizos. Santiago é un equipo pequeno ou de canteira, pero a nivel de turismo xoga nas grandes ligas europeas.

Comparte coa Xunta a relevancia que lle dá ao Xacobeo 2021?
A miña percepción do Xacobeo é que, máis que unha data fixa ou ese grande evento que ve a Xunta, é unha oportunidade para seguir avanzando. O Xacobeo supón moitas veces un aumento dos investimentos, pero é fundamental que logo teñan unha repercusión positiva para a cidade.

O Ave vese como unha especie de panacea en Galicia. Comparte ese modelo ou vería mellor outro tipo de conectividade do territorio?
No Ave estamos limitados pola política de feitos consumados. Se nos abstraéramos quizais a estratexia debería ter sido outra, que primase a conectividade interna con trens de cercanías e outra rede viaria. Pero agora hai unha realidade lanzada coa alta velocidade na que, a maiores de conectar a capital de Galicia, hai que facelo con outras cidades. Lugo non pode quedar illada de estar a tres horas de Madrid en tren! E a nivel aeroportuario exercemos o liderado máis alá da competición entre cidades, apostando pola internacionalización, porque cando chegue o Ave terá un impacto no tráfico estatal, así que a competitividade, en cuestión duns anos, vai ser a nivel internacional.

Está superada aquela primeira crise das fochancas e da falla de mantemento en Santiago?
Son debates que aínda se dan no día a día, moitas veces interesados e que forman parte do xogo político. Nós estes anos non buscamos vitorias na xestión senón que aprendemos a converter os ruídos en silencios. Aos dous meses de chegar imputábannos a falla de mantemento dunha cidade que levaba anos descoidando iso, e mentres tanto, nós traballabamos para multiplicar por dez os contratos de mantemento. A cidade superou ese estado de gravidade aguda, pero aínda lle restan un par de anos para lucir esplendorosa.

Acaba de anunciar que volverá presentarse á alcaldía, pero nin así silencia o ruxerruxe que o sitúa de candidato á Xunta en 2020.
Xa dimitín dese debate! [ri] Lévame perseguindo toda a vida, pero vivo alleo a el. É certo que no seu momento, con Age, se valorou a posibilidade de que eu puidera estar na primeira liña autonómica, pero quixen seguir en Teo. Logo, cando me presentei aquí, dicíase que era para marchar. Na casa ensináronme a ser serio e eu os compromisos que teño, execútoos.

Pero desbota esa posibilidade?
Vivo na eterna fuxida da cuestión institucional e dígoo con sinceridade, pero estou vencellado a ela nos últimos anos, o cal é unha contradición. O 100% das miñas enerxías nestes anos repártoo entre o Concello e a miña familia, non teño tempo para máis, logo de xornadas maratonianas para estar á altura do mandato.

Manexa enquisas para maio?
Eu non creo na nosa señora das enquisas e dígoo ata cando son boas! Palpas na cidade que o proxecto está consolidado, pero o que pode ocorrer en maio é impredicible.

Como pode afectar un hipotético regreso de Bugallo ao PSdeG?
Eu vivo á marxe dese debate. Creo que o perfil dunha persoa como Pepe Bugallo preocupa máis no PP ou en forzas emerxentes como Cs que no noso espazo político. Nós temos que render contas e cremos que o traballo posto en marcha necesita outra lexislatura para poder rematalo. Logo o que decidan os veciños e veciñas a min váleme.

O gran problema que ten En Marea é de falla de liderado?
Non. É un problema de corresponsabilidade das partes nun proxecto compartido. O espazo é complexo e mestizo e ningunha parte debe imporlle ao resto a lectura que fai del, senón que temos que vivir no resultante do que todos achegan. Co exercicio dos liderados ocorre o mesmo, que ou están ao servizo desta colectividade ou cando se exercen en beneficio propio, e aquí non personalizo, é complicado. En En Marea sobran liderados, pero quizais deberan mirarse dun xeito máis coral e sen desconfianza.

¿Candidatura á Xunta? "Dimito dese debate! Lévame perseguindo toda a vida, pero na casa ensináronme que hai que cumprir os compromisos

Pero a xente, cando vota, sempre busca un referente.
Na dinámica local si que penso que a referencialidade persoal ten un peso máis específico. Pero se pensas no espazo En Marea atopas moitos liderados individuais como Beiras, Villares, Alexandra, Yolanda, Tone, os alcaldes...

Periga En Marea por esa falta de xenerosidade?
Foi un risco permanente desde que se creou. O perigo sempre son os patriotismos partidarios ou individuais que non se poñen a disposición do espazo e tensiónano; pero ao final chegas a un acordo porque fóra hai unha demanda. Por separado non transformamos, conxuntamente, se hai vontade, si. Pero isto ten un límite temporal e xa toca ver se esta vontade xera credibilidade ou non.

Non lles pasa factura proxectar todas esas leas internas cara a fóra?
Tarde ou cedo si, evidentemente. Ata o de agora non ocorreu porque a xente valora máis na balanza a expectativa de cambio e a xenerosidade das partes para pórse de acordo; pero chegará un momento no que o outro pese máis. A tolerancia da xente ten un límite e hai síntomas de que empeza a estar un pouco cansa de que o espazo non acabe de cohesionarse. Malia todo, eu penso que é o único que pode disputarlle ao PP a hexemonía.

Lévase tan mal con Luís Villares como parece?
Non, non. Houbo unha relación cordial aínda que nos últimos tempos é certo que se arrefriou, pero non por cuestións persoais senón pola lectura do espazo. Nunca houbo un enfrontamento ou rotura da relación, que durante moito tempo foi moi próxima. Só que houbo un momento, polo motivo que sexa e non todo imputable a Luís, no que eu son crítico coa maneira na que se xeran os órganos de dirección de En Marea ao entender que non reflicten a pluralidade do espazo. Ademais, neles logran un peso específico aqueles que non contribuíron a construír o espazo senón que máis ben tenderon a ser críticos, e estou falando de Cerna. Parecíame unha contradición que podía xerar desafección en moita xente e díxenlle a Luís que eu aí non o podía acompañar. Sempre fun leal e claro con el. Logo determinados debates nominais tampouco axudan porque se establecen no campo da desconfianza, pero non no meu caso; eu vivo á marxe diso.

Quen prefire que gañe as primarias de Podemos Galicia?
Cando remate a entrevista poderei dicilo [ri]. A miña experiencia dime que nos procesos internos das partes de En Marea os de fóra damos tabaco; é mellor así. Saia quen saia, Tone ou Carolina, o que nos toca ao resto é pedir implicación no espazo en construción.

Pero influirá no futuro do espazo?
Todo pode ter unha tradución, pero eu non establecería apriorismos. Teño visto moitos cambios de posicións sobre xente que defendía o espazo de unidade popular e logo practicou o patriotismo partidario e viceversa.

"Cos alcaldes da Coruña e Ferrol quedo a comer e ás veces ata facemos terapia de grupo"
Un referente intelectual ou vital?
Xosé Manuel Beiras. A nosa relación vai máis alá da política, transcende ese ámbito. E tamén Isaac Díaz Pardo, do que tiven a honra de ser o seu médico persoal ademais de coincidir moito nos seus últimos anos.

Dicía Castelao que se fixo médico por amor a seu pai e que non exerceu por amor á humanidade. Vostede trata de seguir actualizado na súa profesión ou a política absórbelle todo o tempo?
Non o que me gustaría. Sigo colexiado, co maletín de médico e tento ler... Pero coa carga de traballo, coas xornadas que hai no día a día na alcaldía de Santiago resúltame difícil poñerme ao día, sinceramente.

Un político doutra formación co que empatice?
[Silencio. Toma tempo para responder] Pois o exalcalde socialista Xerardo Estévez, por exemplo. A cidade deu un salto durante o seu mandato, hai que recoñecelo. E tento escoitalo moito. Aí tes que abandonar sectarismos. En canto á actualidade, no Partido Popular teño unha relación correcta con Pedro Puy. E no PSOE, Mercedes Rosón no ámbito local e Gonzalo Caballero no autonómico. Creo que, máis alá das cuestións políticas e ideolóxicas, aprendes moito escoitando a xente doutros partidos. E moito máis, desde logo, escoitando a xente na rúa.

Que tal se leva con Feijóo?
Empatía non hai moita, porque el é unha persoa que tampouco facilita ese tipo de relación persoal. Pero si corrección e cohabitación institucional malia que representa ideoloxicamente a antítese do que eu penso.

E con monseñor Barrio, o arcebispo de Compostela?
Tanto con monseñor Barrio como co deán hai unha relación correcta e ata cordial no caso do arcebispo. E no caso do deán [Segundo Pérez] vai máis alá diso. Temos claro que hai que cooperar pola cidade. Tento, iso si, separar os espazos de representación civil dos relixiosos. Houbo un debate na cidade sobre o tema pero xa está superado.

Que lle di o nome de Xulio Ferreiro, o rexedor da Coruña?
É un político moi relevante e teño unha relación moi estreita. Con el e con Jorge [Suárez, alcalde de Ferrol, tamén das mareas]. Vai máis alá da política. Somos amigos. Ás veces quedamos para comer e incluso para falar de todo menos de política. Ata para facer terapia de grupo... [risos]. Temos unha experiencia conxunta que nos axuda nese senso a manternos unidos e a ser solidarios. Hoxe tócache a ti, mañá tócame a min...

E que opinión ten de Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG?
Compartimos espazo político no pasado. Militei no BNG desde os 18 ata os 36 anos. Temos unha relación labrada polo tempo. É unha persoa importante para posibilitar un cambio político neste país.

E de Abel e Gonzalo Caballero, co que dixo que se leva ben?
Son como Abel e Caín. Eu neste caso non sei quen é quen... [ri]. Con Gonzalo coincidín en faladoiros en medios de comunicación e fun tamén mantendo un contacto persoal. El foi un ‘outsider’ da política e iso espértame e inspírame solidariedade con el. En canto a Abel Caballero, defende uns valores que a min non me representan. Esa política espectáculo non me interesa...

Pero funciónalle electoralmente na cidade de Vigo?
Si, recoñezo que si pero...  

...non é un referente para vostede como alcalde?
Non, desde logo. Descubriu unha fórmula que dá réditos, pero eu non podería vivir permanentemente no conflito co Goberno galego e outras administracións. Tendo incluso a posibilidade de facer o que fai el e de que me funcionase, eu persoalmente non o faría. Non creo que iso sexa bo para a cidade de Vigo e o país.

Perdoe a brincadeira. Non vai con segundas: hai moito político que vive de gorra?
Máis dos que pensaba antes de entrar neste mundo? [Ja, ja...] É extrapolable ao resto das profesións e tamén ao resto da sociedade.

Hai de todo, como en botica...
Si, hai de todo. Como no exercicio doutras profesións...

Unha afección que lle axude a desconectar da política?
A música.

Unha manía?
Ás veces cóstame coller distancia co traballo. Sería mellor responsable político se moitas veces conseguise desconectar.

Deportivo ou Celta?
Real Sociedad. Porque meu pai é donostiarra. E lembro a Arconada, López Ufarte... Co Dépor e o Celta teño o corazón partido.

Tamén lle tira o Obradoiro. Que prognóstico fai sobre o derbi que xoga esta semana en Lugo co Breogán na Liga ACB?
Deséxolle o mellor ao Breogán e quero que haxa derbi para tempo. Pero, claro, neste caso teño que tirar para a nosa casa. Son do Obradoiro. Creo que agora está unha marcha por riba do Breogán.

Irá ver o partido o sábado?
Non. E iso que me convidaron amigos de Lugo. Pero agardo velo noutra ocasión. Sería bo para o baloncesto galego, que ten moita tradición, que este derbi se mantivese no tempo. A min gústame moito este deporte.

Comentarios