A neve causa máis dun centenar de incidencias na provincia de Lugo

Boa parte da provincia rexistrou nevadas desde o sábado ► A cota situarase nos 1.200 metros o lus

Nieve en Piornedo. ANDREA ALONSO
photo_camera Nieve en Piornedo. ANDREA ALONSO

A provincia de Lugo é a máis afectada en Galicia polas nevadas que desde o sábado ao mediodía afectan á comunidade. O 112 leva contablizados un total de 112 incidentes só este domingo, aos que hai que sumar outro medio centenar do sábado. A maioría débense a acumulacións de neve que provocan incidencias en estradas e pola caída de árbores e ramas que dificultan a circulación. Na A-6, no Corgo e en Pedrafita, quedaron bloqueados varios camións de madrugada.

Lugo aglutina o 80 por cento do total de incidentes en Galicia (137) relacionados coa meteoroloxía, seguida de Pontevedra, onde se contabilizaron seis incidentes, dos cales tres foron ocasionados pola neve, concretamente en Lalín. Tamén A Coruña rexistrou algún problema –cinco incidentes–, pero provocados pola caída de árbores. 

A Dirección Xeral de Tráfico informaba o mediodía do domingo que persistían as dificultades na A-6, no Corgo; na LU-636,  Vilouta de Abaixo e Armea de Abaixo;  LU-540, en Furco; CG 2.2, en Sarria; LU-633, en Pedrafita do Cebreiro; e na LU-530, en San Miguel.

Os veciños deVilarello, en Láncara, denunciaron ademais que as precipitacións causaron diversas desfeitas na zona, concretamente na pista que dá acceso ao pobo, onde a neve acumulada e as árbores caídas non permitían a circulación, deixando así atrapados aos veciños da localidade. Precisamente foron estes quen, con axuda dun tractor, exerceron os labores de limpeza para despexar a vía.

Igualmente, houbo problemas na LU-530 na Baqueriza, no tramo Lugo-A Fonsagrada e no Cerredo; na LU-701 no Acevo, no límite da Fonsagrada con Asturias, Barbeitos; na LU- 721 entre Baralla e O Cádavo; na LU-730 na Fonsagrada; na LU-740, na LU-750 e LU-751, en Meira e Alto do Couso, respectivamente. Neste punto estivo a traballar persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas. Do mesmo xeito, contabilizáronse algúns incidentes por mor da neve na PO-533 ao seu paso por Lalín (Pontevedra). 

Comentarios