Noriega mantén a incógnita sobre se irá nas listas

O exalcalde de Santiago afirma que será unha determinación "conciliada" con Anova e as mareas locais e asegura que todos estarán "a empuxar independentemente" da súa posición nas listas
Martiño Noriega Sánchez (A Coruña, 1975). PEPE FERRÍN
photo_camera Martiño Noriega. PEPE FERRÍN

O responsable de relacións políticas de Anova e exalcalde de Santiago, Martiño Noriega, sinalou este luns que aínda non está decidido se el formará parte da candidatura que Galicia en Común-Anova-Mareas presentará para as eleccións do 5 de abril.

Nunha entrevista concedida á TVG, Noriega asegurou que a súa presenza nas listas "non é unha cuestión que estea pechada nin é unha decisión persoal" senón que deberá ser unha determinación "conciliada" con Anova e coas mareas locais capitaneadas por Compostela Aberta e Marea Atlántica.

"Todas estaremos empuxando independentemente das nosas posicións nas listas" pero lle corresponderá a Anova e ás mareas municipalistas elixir cales son os mellores cadros e perfís" para incorporar á coalición con Podemos e Esquerda Unida.

Anova consideraba que o candidato á presidencia da Xunta da coalición debía ser o propio Noriega pero finalmente Podemos impuxo ao seu líder galego, Antón Gómez-Reino, como aspirante a liderar o Goberno galego.

Así, segundo o repartición de cotas que se pechou ao bordo da medianoite do venres, os postos aos que aínda podería acceder Noriega en representación de Anova sería ao número tres pola circunscrición da Coruña, ao número dous pola de Pontevedra ou ao un por Lugo.

"Nuns días sairemos de dúbidas, non quero abrir falsos debates" insistiu Noriega que en todo caso insistiu que "independentemente do rol" ou da presenza nas listas "estaremos todos empuxando" para defender unha "candidatura complementaria á que pode presentar o BNG e o PSDEG" e que será "fundamental" para desbancar ao PPDEG da Xunta.

Noriega admitiu que as negociacións para alcanzar unha candidatura unitaria foron complexas pero valeron a pena porque "o venres o presidente Feijóo e o Partido Popular tiveron unha mala noticia e é que non se vai disgregar o voto e as posibilidades dun cambio real no país están aí".

Comentarios