Galicia rolda os 30 positivos por coronavirus confirmados e outros 15 están por ratificar

O virus mantén 17 pacientes ingresados, dous na Uci. Hai casos na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo
Entrada de Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Entrada de Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SALVADOR SAS (EFE)

Un total de 44 pacientes deron positivo á infección por Covid-19 polo momento en Galicia, dos que 15 están pendentes da confirmación do laboratorio central de Majadahonda. Se se teñen en conta todos eles, o virus alcanzou a persoas da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo. 

No conxunto de España os casos son 2.152, atendendo aos datos do balance oficial do Ministerio de Sanidade publicados ás 18.00 horas deste mércores. Son 513 positivos máis que o martes a esa mesma hora. Un total de 50 persoas faleceron e 138 curáronse

No caso de Galicia, confirmou as cifras o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen compareceu en rolda de prensa para actualizar os datos xunto ao xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e a Teresa Queiro, xefa do servizo de Medicina Preventiva da área de Santiago. 

Por áreas, e tomando o cómputo global, 29 pacientes están na Coruña, seis en Vigo, catro en Pontevedra, dous en Lugo, dous en Ourense e un en Santiago, o primeiro que rexistra a capital galega. Este caso, que está pendente da confirmación do laboratorio de Majadahonda, correspóndese cunha persoa que chegou o pasado luns de Madrid, dixo Queiro. O martes tiña xa síntomas, polo que foi identificada e posta en illamento no seu domicilio. Tamén foron localizados os seus contactos próximos para realizar un seguimento do seu estado. 

Preto de medio milleiro de probas
Ata a última hora deste martes realizáronse en Galicia 476 probas de coronavirus e a Xunta segue traballando na "actuación preventiva", cun "diagnóstico precoz" e preparando os protocolos para "o que puidese ocorrer nas próximas semanas". 

 

A maior parte dos casos, asociados a focos

A maior parte dos casos confirmados ou pendentes en Galicia, 31, están asociados a catro focos identificados na Coruña e Vigo, segundo explicou Fernández-Campa. 

O maior deles é o que afectou ás persoas vinculadas ao centro cívico de Feáns, na Coruña, pechado preventivamente, aínda que na Coruña identificouse outro foco familiar, que afecta a un matrimonio. 

Do mesmo xeito, tamén está o foco familiar de Vigo, con catro casos confirmados, e outro foco que afecta a un matrimonio de Foz. Os casos son importados na maior parte das ocasións de Madrid e nunha de Italia.

Dos 44 casos recollidos, dous pacientes están na Uci —o primeiro caso de Vigo e un home de 81 anos na Coruña—, mentres que 17 están noutras unidades de hospitalización e 25 nos seus domicilios. 

En canto ás idades, 16 pacientes teñen máis de 65 anos. O máis novo ten 15 anos e o maior, 92.

En España, a Comunidade de Madrid segue concentrando ao redor da metade dos contaxios (1.024), co 66% dos falecidos e o 81% dos pacientes que están na Uci. As outras tres comunidades máis afectadas son País Vasco (225), A Rioxa (185) e Cataluña (156). 

Suspendidas as prácticas en centros sanitarios de alumnos de ciencias da saúde
Almuiña apuntou as principais medidas que se van a tomar nos próximos días para actuar de forma "progresiva" e "proporcional", de forma que en Galicia se irán adaptando as medidas do Ministerio de Sanidade á "realidade de cada comunidade autónoma". Nesa liña, suspenderase a actividade do programa educativo Xogade e as prácticas universitarias dos alumnos de graos de Ciencias da Saúde e outras titulacións de ciclo formativo en calquera centro sanitario galego.

No ámbito cultural, prohíbense as actividades colectivas en ámbito pechado con máis de 1.000 persoas e en espazos abertos as que conten con máis de 3.000 asistentes e consultaranse outros tipos de eventos que non figuren dentro do protocolo.

Teléfonos de atención
O conselleiro puntualizou que queren que o teléfono 061 se utilice fundamentalmente para "as urxencias e as patoloxías graves", e que para casos leves por coronavirus se utilice o número 900 400 116. 

Comentarios