Núñez Feijóo móstrase partidario de acurtar a campaña

Remarca que a Xunta traballa no protocolo para os comicios e pon o foco de novo en facilitar voto por correo e no papel do fedatario
Feijóo. EFE
photo_camera Feijóo. EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que a posibilidade de acurtar a unha semana a campaña electoral para o 12 de xullo -expúxoo esta mesma semana o PPdeG- está "encima da mesa" e subliñou que, baixo o seu punto de vista, se se fragua un acordo entre os distintos partidos galegos para reducila, os populares "deberían sumarse". 

Iso si, preguntado, tras o Consello da Xunta, acerca de se el reducirá a súa campaña a unha semana aínda que non haxa acordo, evitou precisalo. "Gustaríame ir paso a paso", dixo, logo de recordar que a lei determina que o período legal de campaña son 15 días e que, se non hai consenso para reducila, cada partido "fará o que considere oportuno". 

Preguntado acerca de se o PPdeG tomará a iniciativa de chamar aos partidos, Feijóo non o precisou, pero apuntou que é unha opción que se atopa "encima da mesa". "Nas últimas eleccións xerais, o PSOE propúxoo e todas as formacións aceptárono. Se todas as forzas queren acurtala e hai ese acordo, o PPdeG debe aceptalo", esgrimiu. 

En todo caso, manifestou que "dá a impresión" de que hai partidos en Galicia que "non querían eleccións" e agora moléstanse" cando se expón reducir a campaña. E engadiu que tamén hai outras formacións que "antes de que" estivesen convocados os comicios "xa tiñan anuncios pagados" en medios de comunicación. 

"Gustaríame ir paso a paso, primeiro hai que saber se os partidos están de acordo en que se reduza a campaña"

"Estamos a vivir unha certa confusión e dúbidas do que queren as forzas da política", dixo o presidente, convencido de que nun momento como o actual, na desescalada da pandemia, "non é desatinado" pensar en que a situación pode aconsellar recortar o período de campaña electoral. 

Dito isto, indicou que, por lei, calquera forza política "ten dereito a facer campaña 15 días". Por iso, concluíu que, se hai un pacto, el é partidario" de que o PP se some, pero engadiu que, se non é así, cada formación poderá facer "o que considere oportuno".

"IR PASO A PASO". Sobre se é a súa intención facer campaña menos días se finalmente non hai acordo, Feijóo evitou aclaralo. "Gustaríame ir paso a paso, primeiro hai que saber se os partidos están de acordo en que se reduza a campaña", indicou o presidente galego, quen apostou tamén por esperar a comprobar a situación epidemiolóxica de Galicia cando arrinque a campaña, a partir do 26 de xuño. 

"E a partir de aí tomar unha decisión oportuna e motivada", apostilou, antes de anticipar que, ocorra o que ocorra, dentro das súas "obrigacións" o "prioritario" para el "segue sendo ser presidente" da Comunidade e non "candidato" popular á Xunta.

Esgrimiu que os equipos de campaña do PPdeG "sempre aceptaron un debate" nos medios públicos galegos

DEBATES. De feito, tras ser preguntado acerca de se estará disposto a aceptar máis dun debate televisado como pide a oposición, defendeu que non dedicou "nin un minuto aos temas de campaña", xa que ten "bastantes cousas que facer". 

Iso si, esgrimiu que os equipos de campaña do PPdeG "sempre aceptaron un debate" nos medios públicos galegos, e deu a entender que o mesmo sucederá nesta ocasión e os populares aceptarán un único debate na TVG. 

Máis aló, asegurou descoñecer o conxunto de propostas "e respostas" dos partidos da oposición, "que non coinciden entre si e logo se crítican entre si mesmos". "A miña axenda non está nas eleccións, senón na pandemia", sentenciou.

PROTOCOLO E RECOMENDACIÓNS. En clave electoral, Feijóo tamén recordou que a Vicepresidencia da Xunta tamén traballa nun borrador de consideracións para garantir que os comicios se celebran con todas as medidas de seguridade esixidas. Adicionalmente, subliñou que este protocolo será supervisado polo comité clínico, antes de ser remitido á xunta electoral, que é a que ten que concretar os pasos a dar. 

En canto ás dificultades para votar coas que poden atoparse os emigrantes, esgrimiu que esa cuestión está fóra das súas "competencias"

En todo caso, o presidente galego ha volto a pór o foco en facilitar o voto por correo e no papel dos fedatarios. 

"Hai un artigo que di claramente que Correos facilitará todo o que estea dentro das súas capacidades para o voto por correo, igual que os fedatarios públicos deben ir sempre que se lles chame a outorgar o poder gratuíto que corresponde", recordou.

DIFICULTADES NA EMIGRACIÓN. En canto ás dificultades para votar coas que poden atoparse os emigrantes, esgrimiu que esa cuestión está fóra das súas "competencias". 

Con todo, si admitiu que, dado que o coronavirus é unha pandemia, si hai galegos na diáspora que se poden ver afectados as restricións. "é un risco que non se pode evitar", resolveu.

Comentarios