Néstor Rego, o 'aldeán' orgulloso

O político mariñán, profesor de galego en Santiago, personifica como poucos o traballo e a resistencia do Bloque: sempre estivo aí. Agora é o novo deputado electo do BNG no Congreso
Néstor Rego. EFE
photo_camera Néstor Rego. EFE

Néstor Rego Candamil (O Vicedo, 1962) é como o dinosauro do conto de Monterroso: sempre estivo aí. Desde a súa etapa de estudante no instituto de Viveiro, cando tomou contacto co nacionalismo a finais dos anos 70 a través do colectivo Erga, ata a actualidade, convertido no rostro que simboliza a reconquista das Cortes por parte do nacionalismo galego.

A súa traxectoria política, que combinou os momentos de exposición en primeira liña con outros de traballo máis sacrificado e desagradecido entre bambalinas, ten dúas etapas moi diferenciadas: a mariñá e a de Santiago.

A primeira coincide coa súa época adolescente na Mariña, onde compartía inquietudes e militancia con outros mozos nacionalistas como o malogrado Hernán Naval, que era da súa mesma xeración, a do 62. Ademais de ingresar no colectivo estudantil Erga, Rego colaborou na implantación da Unión da Mocidade Galega (UMG) —as mocidades da UPG— na comarca e participou activamente en capítulos históricos como a gran marcha de 1979 contra a central nuclear de Xove.

Despois chegou o momento de marcharse a estudar fóra, no seu caso HistoriaSantiago, unha cidade á que xa quedaría vinculado para sempre —aínda que visita con frecuencia a súa familia na Mariña—. Na súa época universitaria mantivo o seu compromiso nacionalista, como demostrou na fundación dos Comités Abertos de Facultade (CAF) en Historia. Cando se fundou o Bloque Nacionalista Galego, no ano 1982, Néstor Rego entrou nel como representante de Erga.

A súa vida profesional estivo ligada ao ensino de galego, tras sacar as oposicións nesa especialidade. Primeiro deu clase na Estrada e despois en Santiago, no IES Antón Fraguas.

Pero Rego foi desenvolvendo de forma paralela unha carreira política que o levou a ostentar diversos cargos institucionais e orgánicos. Sobre todo no Concello de Santiago, onde exerceu como concelleiro durante máis dunha década (1995-2008); primeiro como concelleiro raso do BNG e a partir de 1999, con responsabilidades no bipartito liderado polo PSDEG de Bugallo. Foi concelleiro de medio ambiente e desde 2003, ascendeu a tenente de alcalde encargado dos asuntos culturais. En 2008, ao pouco de arrincar o mandato, decidiu poñer punto e final tras pechar o seu ciclo municipal para regresar á docencia.

Pero en realidade foi un punto e seguido. Consciente de que Rego sempre estaba aí, o nacionalismo galego tirou del cando foi necesario e en xuño de 2012 converteuse no novo líder da UPG, a corrente dominante do Bloque, cargo orgánico no que substituíu a Francisco Rodríguez e no que continúa hoxe en día, compaxinándoo coa executiva do BNG, á que se incorporou tras a chegada de Pontón en 2016.

O premio á súa perseveranza chegoulle nestes xenerais, tras quedar ás portas en abril. Terá un asento no Congreso, tras arrebatarllo ademais ao cabeza de lista de Vox pola Coruña, o mesmo que o chamou "aldeán" en plena campaña. Foi case unha cuestión de xustiza poética. "Si. Nacín na aldea e moi orgulloso de ser aldeán", respondeulle Rego. Un aldeán solto en Madrid.