As obras de Ave en Zamora obrigarán a cortar o servizo ferroviario Galicia-Madrid

O servizo paralizarase a próxima fin de semana, entre as 21.30 do venres 3 de agosto e a tarde do luns día 6

Obras del Ave en Zamora. EP
photo_camera Obras do Ave en Zamora en 2017. EP

As obras para a apertura da variante de La Hiniesta (Zamora) na Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia entre Zamora e Ourense obrigarán a interromper o tráfico ferroviario entre as 21.30 do venres 3 de agosto e a tarde do luns día 6. Renfe establecerá un plan alternativo de transporte por estrada para os viaxeiros dos 49 trens que circulan nas relacións Galicia-Zamora-Madrid e Puebla de Sanabria-Valladolid, segundo informou Adif Alta Velocidade.

A empresa pública explicou que á finalización destes traballos o 6 de agosto quedará en servizo o tramo en variante da liña convencional comprendido entre os puntos quilométricos 2/886 e 9/296, con 6,4 quilómetros de lonxitude, e un tramo en ancho mixto sobre a plataforma actual entre a estación de Zamora e os túneles do Bolón e Valorio.

Adif Alta Velocidade informou nun comunicado que esta actuación "é necesaria para continuar coas obras da Liña de Alta Velocidade". Os trens que circulen entre Zamora, Puebla de Sanabria e Galicia farano a partir do 7 de agosto por un tramo en triplo fío entre a estación de Zamora e o punto quilométrico 2/886.

Neste punto entrarán nunha nova plataforma, compartida coa de alta velocidade, ata o punto quilométrico 9/296, segundo a información facilitada. Esta fase de explotación simultanearase coa montaxe de vía e elementos de superestrutura na segunda vía do subtramo Zamora-La Hiniesta e concluirá coa posta en servizo do tramo de alta velocidade entre Zamora e Pedralba de la Pradería.

Comentarios