A vaga de frío baixa os termómetros a -7,2º en Verín e a -5,6º en Sarria

O frío polar afecta a Galicia aínda que se nota máis na Meseta

Ourense bajo la niebla. BRAIS LORENZO
photo_camera Ourense baixo a néboa. BRAIS LORENZO

A localidade ourensá de Verín rexistrou este venres de madrugada a temperatura mínima de Galicia, con -7,2º centígrados, nunha xornada na que a Galicia ten aviso por frío. 

Segundo os rexistros de Meteogalicia ata as 9,30 horas, recollidos por Europa Press, ademais dos 7,2 graos negativos en Verín, rexistráronse temperaturas mínimas significativas noutras localidades coomo Calvos de Randín (-6º) e Baltar (-5,8º), na provincia de Ourense; e nas luguesas de Sarria (-5,7º) e Bóveda (-4,8ºc). 

Estaba previsto que este venres e sábado se alcanzasen os -7º. pola onda de frío polar continental que entrou este xoves na Península.

Meteogalicia indica que, aínda que a masa de aire frío polar continental entrará na península polo leste, deixando ao seu paso por esta zona e no norte do país unha baixada significativa das temperaturas, espérase que en Galicia ese descenso sexa menos acusado. E é que nalgunhas zonas da Meseta espéranse temperaturas por baixo dos -10º.

Para o sábado espérase que o aire frío persista sobre as mesmas zonas que este xoves, polo que en Galicia notarase un lixeiro descenso das temperaturas nocturnas, pero non debido á entrada de máis frío, senón porque baixará a velocidade do vento. 

Neste sentido, desde Meteogalicia apuntan a que as noites serán máis frías, especialmente na provincia de Ourense e no sur e montaña de Lugo, con valores de -5º ou -7º.  A entrada de aire frío notarase especialmente nas zonas altas e de montaña, nas que haberá moitos puntos que estean en negativo todo o día.

UN DECEMBRO CÁLIDO. A onda de frío polar chega despois de que Galicia finalice o pasado ano cun mes de decembro atípico, seco e moi cálido, con temperaturas medias por encima do habitual e con menos choivas das esperadas. De feito, superouse en 2,1 graos a media habitual do mes e as precipitacións foron un 32% menores que a media de referencia. 

En decembro superouse en 2,1 graos a media habitual do mes

Así se desprende do informe climatolóxico mensual de Meteogalicia, que reflicte que as tres primeiras semanas de decembro quedaron marcadas pola chegada de varias borrascas atlánticas que achegaron humidade e temperaturas en xeral suaves. 

En cambio, os últimos días do ano predominaron as altas presións, o que propiciou que Galicia quedase illada da inestabilidade e da chegada de aire frío procedente do continente e gozase dunha situación anticiclónica. 
Con respecto ás temperaturas, o balance de Meteogalicia constata que, en xeral, foron máis elevadas que a media climatolóxica, con máximas que se situaron nos 12,8 graos e as mínimas nos 6.

A anomalía de temperatura media en decembro foi de 2,1 graos por encima do habitual, tomando como referencia o período 1981-2010. 

Con todo, no leste da comunidade esta desviación respecto dos valores chegou a ser de 4 graos e incluso en zonas nas que se rexistraron temperaturas medias próximas á normalidade, como é o caso de Monforte de Lemos, alcanzouse igualmente unha anomalía positiva de +0,8 graos. O último mes de decembro cunha anomalía tan alta das temperaturas foi o do ano 2015.

Un mes seco, cun 32% menos de choivas 
Ademais, decembro foi tamén un mes seco en Galicia, cunha precipitación media acumulada de 139 litros por metro cadrado. Este dato reflexa un déficit de choivas do 32% se se compara coa evolución das precipitacións no outro período de referencia que utiliza Meteogalicia nas súas análises, de 1961 a 2018. 

En todo caso, a situación foi menos homoxénea que no que respecta ás temperaturas. Mentres que na Mariña lucense e na montaña ourensá rexistráronse os valores máis baixos de Galicia, con apenas 10 litros por metro cadrado, no oeste da comunidade recolleuse un 38% máis da choiva prevista para a época do ano. 
 

Comentarios