A oposición non acatará un "informe pantasma" que prohibe dicir que o PP é corrupto

A presidencia do Parlamento de Galicia entregou este martes unha "nota aclaratoria" sobre o escrito

O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)

A presidencia do Parlamento de Galicia entregou este martes unha "nota aclaratoria" sobre o informe xurídico que avala a Miguel Santalices para prohibir que os deputados afirmen en pleno que o Partido Popular foi "condenado por corrupción", pero que os grupos da oposición non acatarán ao non ter acceso ao que denominaron "informe pantasma".

Na sesión plenaria da semana pasada, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, explicou aos deputados que contaba cun informe que lle aconsellaba chamar á orde cando se acusara ao PP de estar condenado por corrupción en tanto que esa expresión é inexacta porque a sentenza da Gürtel di que foi condenado como responsable civil a título lucrativo pero non no ámbito penal.

Neste sentido, os grupos pediron ter acceso ao citado informe e a presidencia da Cámara fíxolles entrega dunha nota aclaratoria respecto diso que a oposición considera insuficiente e que, en todo caso, non cumprirá. Segundo se explica na nota, "o obxectivo dese informe" foi dotar a Santalices dos "argumentos xurídicos" necesarios para o mellor exercicio da súa función moderadora nos debates fixados na orde do día sobre a citada sentenza.

Fronte a esta intención, o portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que o PPdeG non conseguirá "acernar" a liberdade de expresión dos parlamentarios aos que non calará cunha "mordaza" coa que pretende "pagar a campaña de imaxe de Feijóo, agora que vén o cásting en Xénova".

En Marea non permitirá que o Parlamento de Galicia sexa "o escaparate" para Feijóo e por iso continuará incidindo nas súas críticas: "Se nos queren botar que nos boten, se nos quere botar por dicir a verdade, estamos ben na rúa", sentenciou. Ademais, Villares foi especialmente crítico con Santalices, a quen lle afeou unha "intención partidista e de parte á hora de regular os debates na Cámara" no que supón "un abuso das prerrogativas" coas que conta.

Por iso, o seu grupo presentou "un escrito de queixa sobre a forma na que Santalices dirixe os plenos na Cámara" nuns debates nos que non se pode falar mal dos seus amigos, por que entón colle a palabra para defender ao seu amigo de Ourense", dixo en alusión ao presidente da Deputación desa provincia, Manuel Baltar,

O portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou que non se entregase o informe solicitado polo que o seu grupo non se someterá "a ese criterio" que é unha "forma absurda de protexer o PP", anunciou. A este fío, presumiu de que nas súas intervencións nunca intenta afectar ao decoro ou á dignidade doutras persoas pero non o ve de igual forma na prohibición que pretende a presidencia da Cámara: "Non vou ter ningún problema en dicir que o PP foi condenado por corrupción", proseguiu.

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, insistiu en que a pesar das limitacións que marque o informe "é unha realidade evidente e palmaria" que existe unha sentenza que "condena ao PP por corrupción, polo tanto o PP é un partido corrupto".

Censurou que con este tipo de prácticas parece que o PP quere darlle "a benvida a 1984" co Ministerio da Verdade, dixo en referencia á novela de George Orwel. En todo caso, tampouco aceptará o informe, pois rexeita a "mordaza no Parlamento galego" ao explicar que "ningún informe" limitará as expresións dos deputados do BNG, insistiu Rodil que ademais considerou "escandaloso instrumentalizar os servizos xurídicos da Cámara".

Con todo, o portavoz do PPdeG no Parlamento, Pedro Puy, restou importancia á petición dun informe xa que é habitual que os deputados realicen diferentes cuestións aos letrados da Cámara sen dar explicacións das mesmas, aínda que neste caso, segundo a súa versión, Santalices si ofreceu aos grupos a información solicitada.

En todo caso, parécelle un "erro" que se cuestione a capacidade de calquera membro da Cámara para acudir aos servizos xurídicos e por iso reivindicou o dereito do presidente a consultar aos traballadores do Parlamento. Puy recordou así que aínda que no debate parlamentario existen uns dereitos como a inviolabilidade parlamentaria, estes tamén levan deberes que hai que cumprir.

Con todo, Puy sostivo que é "inxusto criticar ao presidente da Cámara" que "ás veces pode estar mellor ou peor" pero que en liñas xerais exerce o seu labor coa máxima "ecuanimidade".

Comentarios