A oposición acusa a Feijóo de ser "un Xudas" cos galegos ao apoiar a Rajoy

En Marea, PSdeG e BNG critican o apoio do presidente da Xunta a Rajoy tras a sentenza da Gürtel

Reunión de la junta de portavoces. XOÁN REY
photo_camera Reunión de la junta de portavoces. XOÁN REY

Os portavoces parlamentarios da oposición -En Marea, PSdeG e BNG- coincidiron en criticar que o presidente galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, opte por "traizoar" e ser un "Xudas" con todos os galegos para defender ao seu xefe de filas, Mariano Rajoy.

Tras a Xunta de Portavoces, os representantes da oposición lamentaron así as declaracións do xefe do Executivo autonómico que onte mostrou o seu apoio ao presidente do Goberno subliñando que nunca será un "Xudas" con el, afirmación que desde a oposición entenden en termos de beneficios persoais de cara a unha posible sucesión no PP.

O viceportavoz de En Marea na Cámara, Antón Sánchez, cuestionou a "motivación" que move a Núñez Feijóo para defender a Rajoy tras a sentenza da Gürtel cando a demanda da sociedade é "contraria" a esconder "a corrupción do seu partido", como el parece querer facer, dixo.

Por iso, puxo en dúbida que a postura do presidente galego favoreza unha "imaxe de rexeneración" que busca a sociedade tras unha sentenza que demostra que o PP "é estruturalmente corrupto" polo que "está inhabilitado para gobernar".

De igual forma, o portavoz do PSdeG no Hórreo , Xoaquín Fernández Leiceaga, cuestionou que tería que pasar para que o presidente galego optase por separase "da cúpula do seu partido e censurase a actuación do presidente do Goberno".

Neste sentido, considerou que dá a "impresión" de que estas declaracións de respaldo incondicional son a "simulación dun apoio e posible traizón en diferido".

A portavoz do BNG, Ana Pontón, coincidiu en que "o señor Feijóo non quere ser Xudas para Rajoy porque prefire ser un Xudas para Galicia" porque "o que está a facer o señor Feijóo é ser cómplice".

Censurou que a pesar da sentenza coñecida a semana pasada non queira asumir "a grave situación do PP" nin as súas "responsabilidades" porque cre que se o seu partido "aguanta este envite non pasa nada e todo segue igual".
No entanto, confiou en que haxa cambios próximos e chegue "o fin de éraa Feijóo" porque a cidadanía así o decida sacando ao PP das institucións.

Con todo, o portavoz parlamentario dos populares galegos, Pedro Puy, censurou que as formacións da oposición intenten cargar contra o PPdeG cando a sentenza non fai ningunha referencia á Comunidade, demostrando que acabar coa corrupción non é o que verdadeiramente lles interesa senón que buscan unha estratexia de desgaste ao partido maioritario.

Comentarios