A oposición creará unha comisión alternativa sobre a sanidade galega

Esixen a dimisión de Almuiña pola "portada" do PP á súa comparecencia no pleno da próxima semana

Vázquez Almuiña. AEP
photo_camera Vázquez Almuiña. AEP

Os grupos da oposición no Parlamento de Galicia, En Marea, PSdeG e BNG, anunciarán este xoves a creación dunha comisión alternativa sobre o estado da sanidade pública.

Os portavoces de Sanidade das tres formacións ofrecerán pola mañá unha rolda de prensa conxunta na que debullarán as claves desta proposta, xurdida ante as discrepancias existentes co plan de traballo aprobado polo PPdeG para a comisión de investigación aberta sobre o impacto dos recortes no sistema sanitario.

Dito órgano foi abandonado ata en dúas ocasións polas forzas da oposición, que denuncian os "vetos" impostos polo grupo maioritario á convocatoria de certos comparecentes, como os cargos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) investigados polas mortes de pacientes con hepatites C ou o portavoz da familia do falecido na PAC da Estrada sen atención médica.

Actualmente, a outra comisión, que foi creada a instancias da oposición e pese ao voto contrario do PPdeG, está a desenvolver o seu plan de traballo con normalidade a pesar das ausencias de En Marea, PSdeG e BNG.

Por este órgano pasaron xa diferentes expertos en saúde pública, finanzas, cargos da Administración e persoal sanitario; que contrapuxeron as súas versións sobre o tema tratado unicamente cos membros da bancada popular.

Así pois, está prevista tamén a comparecencia nesta comisión, á que os grupos da oposición non confirmaron se regresarán ou non, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; ou do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

A oposición esixe a dimisión de Almuiña ao non comparecer no próximo pleno
A sanidade vive unha semana axitada en Galicia. Médicos convocados polo sindicato O'Mega concentráronse este martes ante o Parlamento galego, mentres que na área de Vigo dimitiron en bloque xefes de servizo.

Ademais, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, terá que responder a próxima semana no Parlamento sobre a situación da sanidade galega, asunto no que a oposición centrará un pleno no que non comparecerá o conselleiro que leva a carteira sanitaria autonómica, Jesús Vázquez Almuiña, a pesar da demanda unánime de En Marea, PSdeG e BNG. 

Tras a Xunta de Portavoces deste mércores, na que se abordaron as ordes do día do próximo pleno ordinario e tamén do que deixará listos os orzamentos galegos para 2019, os tres portavoces da oposición denunciaron o "veto" dos populares a que compareza Almuiña tras a dimisión en bloque de xefes de servizo e unidade de Atención Primaria na área de Vigo. A oposición esixe a dimisión do conselleiro de Sanidade tras a "portada" do PP a que compareza en pleno.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, vinculou parte dos problemas na sanidade cunha falta de profesionais.  "Seguiremos falando e intentando facer todo o que nos corresponda", indicou Rueda, quen, no entanto, atribuíu a situación actual a causas "de carácter xeral que non só corresponden a Galicia". 

Comentarios