sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Pancho Casal: "O que pasou coas residencias foi un atentado contra os dereitos humanos"

Pancho Casal e Peque González, nunha reunión con familiares de residencias. MAREA GALEGUISTA
Pancho Casal e Peque González, nunha reunión con familiares de residencias. MAREA GALEGUISTA

O candidato de Marea Galeguista á presidencia da Xunta, Pancho Casal, cualificou de "auténtico atentado contra os dereitos humanos" o que "pasou coas residencias" privadas de maiores na primeira onda da pandemia do novo coronavirus. Anunciou que, tras as eleccións, o primeiro que fará a súa formación no Parlamento será impulsar a creación dunha comisión para "dilucidar as responsabilidades políticas" derivadas da situación deses centros.

Casal mantivo unha reunión este xoves con familiares de usuarios da residencia de maiores DomusVi de Aldán, unha das máis afectadas polo Covid-19. Estivo acompañado pola cabeza de lista por Pontevedra, Peque González, e outros membros da candidatura.

Tras o encontro, tachou de "lamentable" a atención que recibiron os usuarios por parte da empresa que xestiona esta rede de residencias e acusou de "inoperatividade" ás consellerías de Sanidade e de Política Social cara a estes centros durante o confinamento.

Marea Galeguista fíxose eco de que os familiares dos usuarios, algúns deles falecidos nos últimos meses, denunciaron o "evidente incumprimento de protocolos de seguridade e de cocientes de persoal". "É absolutamente indignante que a propia directora da residencia de DomusVi de Aldán nin sequera soubese dicir cantos foron os residentes falecidos durante a pandemia", afirmaron os familiares.

Nese escenario, o candidato de Marea Galeguista denunciou que a situación "antes, durante e despois da pandemia é absolutamente inconcibible". E puxo o foco no feito de que, cando a Xunta interveu a residencia, o 1 de abril, "xa había 120 positivos, entre eles 17 traballadoras, cuxas baixas nin sequera se repuxeron a pesar de que antes da pandemia non se cubrían os cocientes mínimos de persoal".

Casal tamén recordou as denuncias de traballadores do Sergas sobre a situación das residencias privadas a nivel de persoal e recursos, e avisou de que "nin a Xunta nin o Estado fixeron absolutamente nada ante o flagrante incumprimento de todos os protocolos de seguridade".

Pancho Casal: "O que pasou coas residencias foi un atentado contra...
comentarios