A pandemia obriga a pechar catro escolas infantís e máis de 50 aulas en Galicia

Os positivos seguen en descenso e sitúanse nos 1.011 casos 
Un neno debuxando. EP
photo_camera Un neno debuxando. EP

A evolución da pandemia da covid-19 en Galicia obriga a manter pechadas un total de catro escolas infantís xunto a unhas 51 aulas ao longo do territorio galego. A pesar diso a incidencia mantén unha tendencia cara ao descenso de casos, cuns 1.011 positivos no sistema educativo. 

Así se desprende das cifras trasladadas este martes polas autoridades sanitarias respecto da situación do coronavirus nas instalacións educativas galegas, e nas que Vigo e A Coruña sitúanse como as áreas con maior número de contaxios nos centros, institutos e gardarías. 

Galicia conta con dous novos peches de centros respecto deste sábado. En concreto, a escola infantil Chiquis de Pontevedra, que conta con dous casos confirmados, e a de Cáritas Tui-Vigo, que presenta un positivo. 

Estes súmanse á escola infantil Bárcala de Cambre e de Xirandola de Compostela, que tiveron que pechar a pesar de contar cun único positivo, respectivamente. 

A área de Vigo, que mantén o maior número de positivos, conta con 271 casos e 5 aulas pechadas, ademais dunha gardaría. 

O máis afectado é o centro privado Plurilingüe As Acacias-Montecastelo, que suma agora uns 11 contaxios. 

A área da Coruña, con 226 positivos 14 aulas pechadas e unha escola infantil afectada, ten os puntos de maior incidencia no CEIP Virxe da Barca de Muxía, con once casos e tres aulas pechadas, e o CEIP Fogar de Carballo cunha decena de positivos. 

Pontevedra, pola súa banda, mantén 147 contagios en activo e 10 aulas afectadas, ademais dunha escola infantil, mentres que a área de Lugo rexistra 131 casos en centros educativo e sete aulas pechadas. O punto con máis incidencia é o CEIP Paradai, que conta cunha ducia de positivos.

RESTO DE ÁREAS. Na área de influencia da capital galega, os centros contan con 112 positivos, catro aulas e unha escola infantil pechadas. 

Ferrol mantén 81 casos e nove aulas pechadas, onde destaca o CEIP Couceiro Freijomil de Pontedeume, con 8 positivos e dúas unidades clausuradas. 

A área de Ourense pecha a táboa con 43 contaxios e dúas unidades afectadas. 

Comentarios