Paran unha condutora ebria coa súa filla menor tras alertar o pai

O proxenitor, veciño de Verín, reclama a custodia da pequena por este episodio e outro case idéntico hai meses: "Non pode poñerse a súa vida en risco"

A Garda Civil logrou interceptar un vehículo conducido por unha muller ebria á que acompañaba a súa filla de 9 anos, despois de que a menor alertase ao pai do que sucedía e lle enviase a súa localización en tempo real por Whatsapp, que o proxenitor compartiu coa Garda Civil. Unha patrulla púxose inmediatamente en camiño, deu o alto á nai e levou á nena de alí.

Así o conta o pai da pequena, veciño de Verín, ás cámaras da TVG, á vez que reclama a custodia da nena porque, di, este non é o primeiro episodio destas características que ten que soportar a cativa. Os feitos que narra sucederon hai uns días, pero "hai só uns meses pasou algo parecido", cando, segundo el, o seu exmuller tamén se subiu ao coche logo de beber coa súa filla como acompañante.

"A realidade é que ela [su exesposa] ten un problema de adicción ao alcohol que ten que tratarse. Xa o tiña cando viviamos xuntos e segue mal", conta o home, que denuncia pedir a custodia da menor en reiteradas ocasións —a primeira, hai catro anos— sen recibir resposta por parte da Xustiza. "Non é algo persoal con ela, é polo ben da filla; non pode ser que a súa idade teña que pasar por cousas así, poñendo a súa vida en perigo".

O certo é que dos whatsapps que a nena enviou ao seu proxenitor, recollidos en capturas que mostrou a TVG, extráese que non era a primeira vez que se enfrontaba a algo similar. "Rápido papá. Ven, fai algo", escribe a pequena. "Bebeu? Está nerviosa?", pregunta o home en relación á súa exmuller. "Si, moito. Ven rápido, fai algo papá", contesta a nena, acompañando o texto de numerosos emoticonos de pranto, antes de enviar a localización.

PERIGO VIVIDO. O proxenitor relata que compartiu as coordenadas co 112, servizo que as remitiu á súa vez á Garda Civil. Dous axentes interceptaron o vehículo e ratificaron o relatado polo home, xa que nada máis darlle o alto viron na muller signos moi visibles de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Ese estado facía imposible que se encargase dos coidados da súa filla, que foi enviada con familiares, aínda que só por unhas horas.

Comentarios