miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

O Parlamento de Galicia aproba a nova Lei de Ordenación Farmacéutica

Distintos medicamentos nunha farmacia. AEP
Distintos medicamentos nunha farmacia. AEP

PSOE En Marea e BNG, que se abstiveron na votación, lamentan que é "mellorable", "queda curta" e supón "unha oportunidade perdida" 

O Parlamento galego aprobou definitivamente a nova Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia que substitúe á normativa vixente na comunidade autónoma desde o ano 1999 e inclúe novidades como a atención a domicilio por primeira vez en casos excepcionais, a creación de boticas anexas no rural e a axilización da adxudicación de novas oficinas.

O texto concluíu este martes a súa tramitación parlamentaria ao superar a votación dos grupos sobre o ditame da Comisión de Sanidade da Cámara e as emendas presentadas pola oposición. Así, recibiu o respaldo dos deputados do grupo maioritario, o PPdeG, e o Partido Socialista, mentres que En Marea e BNG optaron por absterse sobre unha normativa que consideran "mellorable" porque "queda curta" e supón unha "oportunidade perdida" para lexislar "en beneficio" dos pacientes.

Dous meses despois de que Goberno galego dese luz verde ao anteproxecto, a nova Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia arrincou o pasado 7 de maio a súa tramitación no Parlamento galego para reformar a normativa 20 anos despois (o actual texto data de 1999). 

Agora, recibe o visto e place definitivo da Cámara tras superar o período de emendas dos grupos. A deputada do PPdeG Marta Rodríguez-Vispo agradeceu o "diálogo" co resto de forzas con presenza no Parlamento, especialmente ao Grupo Socialista, que viu como 23 das súas emendas ao texto foron aceptadas e outras seis, transaccionadas.

Con todo, Julio Torrado (PSOE) lamentou a "oportunidade perdida" cunha lei que, no entanto, os socialistas ven "minimamente aceptable" logo de ser incorporadas parte das súas emendas.

Os grupos da oposición coincidiron en que a normativa que renova a ordenación do sector farmacéutico en Galicia ten un enfoque "máis empresarial e fiscal" que "sanitario". "A lei queda curta e non fai honra ao seu nome", afeou Eva Solla, de En Marea, grupo do que só foron incorporadas dúas emendas no texto.

E é que, segundo os populares, era "moi difícil chegar a puntos de encontro con En Marea porque pretendían nacionalizar a dispensación de medicamentos". Por parte do BNG, un total de 13 propostas foron incluídas na lei final, entre elas, a vinculación dunha botica secundaria en casos de instalacións non adaptadas para persoas con discapacidade.

A parlamentaria nacionalista Montse Prado tamén considera unha "oportunidade perdida" a modificación do marco normativo do sector impulsada pola Xunta e bota en falta que non se garanta" a asistencia farmacéutica no rural, como recomendou o Consello Económico Social (CES) nun informe.

NOVIDADES DA LEI

Entre outras novidades, esta lei inclúe que as farmacias poderán abrir establecementos anexos en poboacións sen boticas ou de difícil acceso, a posibilidade da venda de medicamentos sen prescrición e de produtos de parafarmacia a través de Internet, ademais da regulación por primeira vez da entrega a domicilio en situacións excepcionais –véxanse persoas que non poidan desprazarse–.

Ademais, elévase o período mínimo para poder transmitir as farmacias cuxa titularidade se adquira por concurso público, que pasa de tres a 15 anos. Así mesmo, desaparece a caducidade das autorizacións administrativas ao cumprir os titulares os 70 anos.

A adxudicación de novas farmacias farase con procesos "máis áxiles". Outro cambio é a convocatoria dun concurso previo de traslados ao que só poderán concorrer os farmacéuticos titulares ou cotitulares dunha botica en Galicia. Unha vez acoden ao concurso, as que eran súas ata o momento inclúense na convocatoria de vacantes.

De igual modo, a reforma da lei pedirá que estes establecementos respecten unha distancia mínima de 250 metros dos centros de saúde –salvo en zonas cunha única farmacia– e negará a cesión de espazos dos locais a terceiras persoas e a entrega de agasallos de cortesía aos clientes –fóra de mostras gratuítas–.

Xunto a isto, limítanse os traslados cando haxa un detrimento "grave" da atención na zona, á vez que un titular só pode ser propietario dunha farmacia. 

O Parlamento de Galicia aproba a nova Lei de Ordenación Farmacéutica
comentarios