O Parlamento volve rexeitar pedir a transferencia de Salvamento Marítimo

O PPdeG recordou a negativa do seu grupo a apoiar esta petición do BNG en anos anteriores e destacou que non cambiou nada

Hemiciclo del Parlamento gallego. EP
photo_camera Hemiciclo do Parlamento galego. EP

O Parlamento galego volveu rexeitar este martes, cos votos en contra do PPdeG, a admisión a trámite dunha proposición de lei do BNG para pedir no Congreso a transferencia das competencias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación marítima.

O PSdeG abstívose na votación para "non impedir a tramitación", aínda que o seu portavoz no debate, a deputada Loli Toja, advertiu de que de saír adiante o seu grupo "emendaría profundamente o texto", unha proposta que si contou co apoio insuficiente de En Marea.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu que o seu grupo está convencido de que a maior poder político maior poder de decisión terán Galicia e os galegos e xustificou a presentación desta proposta, xa debatida e rexeitada en 2010 e en 2014, polo menos, na actitude mostrada hai dúas semanas polo PP a favor de lograr o teito competencial e de igualarse con Cataluña e País Vasco.

Con todo, tras a confirmación do voto negativo por parte da portavoz do PP no debate, Teresa Egerigue, a deputada nacionalista asegurou que ao presidente galego e ao PP "impórtalle un pito Galicia". "¿Que pasou nestes quince días? Levantaron o teléfono desde Madrid, Pablo Casado, que lle dá ordes a Núñez Feijóo, e díxolle que non tocan máis competencias, que a axenda a marca a ultradereita", asegurou.

"(Núñez Feijóo) leva unha década de inquilino en Monte Pío e nada de nada, conxunto baleiro en canto a competencias, sendo cómplice dunha recentralización que prexudica aos galegos", continuou Ana Pontón.

A deputada do PPdeG Teresa Egerique recordou a negativa do seu grupo a apoiar esta petición do BNG en anos anteriores e destacou que non cambiou nada.

Na súa intervención incidiu en que a "racionalidade e a coordinación" son as dúas máximas que hai que ter en conta neste debate. "Non vendan isto (a negativa do PP) como un drama porque Galicia é un exemplo para outras comunidades en materia de salvamento (...) Galicia aprendeu das catástrofes e podemos sentirnos moito máis protexidos, aínda que non satisfeitos", xa que son os medios e a coordinación os que salvan vidas, non o feito de ter competencias.

Egerique aludiu a supostos "compadreos" do BNG co goberno de José Luis Rodríguez Zapatero para incidir nos orzamentos, algo que a formación nacionalista xa non pode facer porque carece de representación no Congreso.

Con todo, continuou, esta proposta é "unha cortina de fume" para tapar que o BNG é "cómplice das contas que meten un tixeiretazo do 19%" a Galicia, en alusión ao proxecto de orzamentos de Pedro Sánchez porque, expuxo, "prefiren os intereses do nacionalismo, sexa de onde sexa, aos de Galicia". Tamén criticou a "ambigüidade" do PSdeG que, na súa opinión, debería sumarse ao rexeitamento. "Fálannos de chantaxes nacionalistas", replicoulle Ana Pontón, única con capacidade para intervir dúas veces neste debate, "pero se hai un ano estaban a negociar os orzamentos co PNV e aumentando a cota vasca".

Pontón incidiu en que "se nalgún lugar fan falta e teñen sentido" as competencias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación marítima é en Galicia e acusou ao PPdeG de non aprender nada desde o Prestige. "Levan dez anos no mesmo, en contra de Galicia, subordinándoa aos intereses do PP (...) ¡Que vergoña! En política é importante ter palabra. Hai quince días votaban a favor de máis competencias e agora están imbuídos do espírito de Colón: subordinación, subordinación, subordinación", concluíu.

Comentarios