O paro sobe en outubro en Galicia un 2,68%, con 4.733 desempregados máis

Preto de 20.000 traballadores permanecen en Erte na comunidade
Oficina de emprego. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Oficina de emprego. PEPE FERRÍN (AGN)

O paro rexistrado no Servizo Público de Emprego Estatal (Sepe) subiu en Galicia en outubro en 4.733 persoas en relación a setembro, o 2,68 por cento, ata situar o número de desempregados na comunidade autónoma en 181.307.

Segundo os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social publicados este mércores, con respecto a outubro do ano pasado hai 17.000 desempregados máis, en porcentaxe, un 10,35 % máis.

ESPAÑA. A nivel nacional, o paro rexistrado no Servizo Público de Emprego Estatal (Sepe) subiu en 49.558 persoas en outubro fronte a setembro, ata alcanzar os 3.826.043 desempregados, segundo os datos facilitados este mércores polo Ministerio de Traballo.

En canto á afiliación, outubro conseguiu seguir sumando emprego con 113.974 afiliados máis de media que en setembro, ata 18.990.364 ocupados en España.

Fronte a outubro do ano pasado, o mercado laboral no país segue reflectindo o duro impacto da pandemia da covid con 439.628 afiliados menos e 648.384 parados máis.

AFILIADOS EN GALICIA. Pola súa banda, a Seguridade Social gañou de media 219 afiliados en outubro en Galicia, un 0,02% máis que no mes anterior, ata situar o total en 1.012.018 persoas, segundo os datos que publica este mércores o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

En relación con outubro de 2019, son 15.432 cotizantes menos ao sistema na comunidade galega, o que representa un descenso do 1,5%.

Por provincias, na comparativa mensual (outubro respecto de setembro), só subiron os afiliados na Coruña, con 2.229 máis. Baixaron en 1.207 persoas en Pontevedra, en 447 en Ourense e en 357 en Lugo.

Os afiliados o último día de outubro na comunidade galega situáronse en 1.012.710 persoas, fronte aos 1.005.106 cotizantes do último día de setembro.

Por réximes, son 783.272 cotizantes no xeneral (752.633 do subtipo xeral, 5.573 do sector agrario e 25.065 do fogar), 207.941 autónomos, 20.805 traballadores do mar.

ERTES. A Seguridade Social publicou tamén este mércores os datos relativos a traballadores incluídos en expedientes de regulación de emprego temporais (Erte).

Na comunidade galega, o dato total para outubro é 18.505 persoas e de media alcanzan as 19.792, delas 8.830 homes e 10.961 mulleres.

A maior cifra correspóndese coa provincia da Coruña (8.954), seguida polo número de Pontevedra (6.471) e máis de lonxe por Ourense (2.349) e Lugo (2.017).