Os partidos arrancan unha campaña electoral marcada polo coronavirus

Feijóo chama os galegos que ir votar para elixir "entre un multipartito ou un Goberno" mentres a esquerda axita o seu electorado cunha promesa de "cambio real"

A campaña electoral das autonómicas do 12 de xullo arrincou de forma oficial na medianoite deste xoves coa tradicional pegada de carteis, o primeiro acto de todos os que quedan por diante nos próximos 15 días, nunha convocatoria marcada pola crise do coronavirus. A meta serán as urnas nas que se decidirá se o popular Alberto Núñez Feijóo continúa na presidencia da Xunta coa súa cuarta maioría absoluta ou se a suman as forzas que se presentan como alternativa. 

Galicia en Común e Ciudadanos foron as únicas formacións que non abriron a campaña na provincia da Coruña, mentres que Feijóo fixo pegada dobre, en Vigo e A Coruña.

Feijóo: "Nada está feito"

Alberto Núñez Feijóo. PP

Desde a cidade olívica, o presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP chamou a acudir masivamente ás urnas o 12 de xullo porque "nada está feito", por moito que as enquisas vaticinan a súa cuarta maioría absoluta. 

Nun acto previo á apertura da campaña ante ao redor dun centenar de persoas, Feijóo proclamou que votar será seguro porque por primeira vez todos os colexios estarán inspeccionados e pediu desconfiar de quen "pretenden activar o medo e desactivar o voto". 

"Non deixedes —Galicia— á sorte dos pactos e carambolas para dividir o goberno entre fórmulas dun multipartito e resolver nos despachos o que se pode resolver nas urnas", pediu o popular, que insistiu en que o 12 de xullo hai que elixir "entre inestabilidade e estabilidade", entre "experimentos e experiencia", entre "ir en contra ou ir unidos todos". 

"Non me presento para derrotar a ninguén senón para que Galicia saia gañando", proclamou, á vez que prometeu "xestión", "certezas" e todo o empeño en solucionar os problemas ou polo menos "diagnosticalos adecuadamente" para buscarlles remedio. 

Feijóo presumiu de "coordinación eficaz" fronte á pandemia do coronavirus, así como da resposta do sistema sanitario e sociosanitario, e da poboación galega en xeral. E da mesma forma que non se deu "unha vida por perdida", garantiu que "tampouco daremos un emprego por perdido" nos tempos de dificultades que se aveciñan. 

Caballero: "Temos a forza para gañar" 

Gonzalo Caballero. PEPE FERRÍN

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, solicitou o voto por primeira vez en campaña electoral a todos os que apoiaron aos socialistas nas distintas citas electorais do ano pasado, cando o seu partido logrou vencer por primeira vez ao PP en Galicia

"Temos a forza para gañar e gobernar Galicia", proclamou na tradicional pegada de carteis, que celebrou en Santiago de Compostela xunto ao alcalde compostelán, José Sánchez Bugallo, e a número dous da candidatura socialista pola provincia da Coruña, Noa Díaz. 

Caballero invitou o electorado galego a poñer un presidente socialista á fronte da Xunta "para construír o progreso e dar un futuro de oportunidades a Galicia". "O próximo 12 de xullo xogámonos o futuro de Galicia entre o PP e un PSdeG que vai liderar a maioría de progreso que necesitamos en Galicia", proclamou. 

Na súa opinión, é necesario "pasar páxina ao proxecto esgotado" de Alberto Núñez Feijóo, que "non achega nada positivo para a comunidade neste momento". Ademais, referiuse á crise do coronavirus e alertou de que a "reconstrución" de Galicia non pode facerse novamente "con recortes, retrocesos en dereitos, privatizacións e supresión de servizos públicos". 

Antes da pegada, o socialista participou nun acto en Vigo en compañía do alcalde, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o delegado da Zona Franca, David Regades. 

Pontón: "O BNG é a única alternativa para derrotar o PP" 

Ana Pontón. PEPE FERRÍN (AGN)Tamén o Bloque —e tamén desde Santiago— chamou no arranque da campaña á mobilización nas urnas, co obxectivo de "facer historia" en Galicia, situando "por primeira vez" unha muller na presidencia da Xunta e nacionalista. "O BNG é a única alternativa para derrotar o PP", advertiu a candidata, Ana Pontón

Así, animou a todas as persoas que queren un cambio "real" a acudir ás urnas a expresalo cunha "mobilización masiva da man do BNG", co obxectivo de construír "unha nova Galicia". "Facer historia é conseguir o cambio que prenda o motor deste país e venza a parálise e submisión que representa o PP; facer historia é construír unha nova Galicia, gobernada desde nós, viva, dinámica e con futuro, que se faga valer, que non baixe a cabeza ante Madrid e que aposte con decisión por abrir un país novo", asegurou Pontón. 

A líder nacionalista defendeu que "hai partido" e que no BNG saen a gañalo "desde o minuto cero". "Temos equipazo de homes e mulleres con talento e con amor por este país, candidatos coas mans libres para defender a xente deste país, sen ter que pedir permiso a Madrid", incidiu. Por iso, asegurou que un goberno liderado polo BNG demostrará que hai solucións para Alcoa, que "é posible acabar co espolio enerxético, coa estafa das peaxes, e que é posible poñer o país a producir e aproveitar os nosos recursos para xerar riqueza e emprego". 

Gómez-Reino: "É a campaña máis decisiva da historia da democracia en Galicia"

Gómez-Reino, Noriega e Solla, en Vigo. GALICIA EN COMÚNO candidato de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, deu en Vigo o pistoletazo de saída á que presentou como "a campaña máis decisiva da historia da democracia en Galicia" e pediu aos galegos que se mobilicen para reverter tantos anos "perdidos" para a comunidade.

Foron anos "de recortes, de privatizacións, de corrupción do Partido Popular", denunciou na Praza da Princesa, onde compareceu acompañado de Eva Solla e Iria Figueroa, números un e dous da lista da formación, respectivamente, pola provincia de Pontevedra.

"Que Galicia acuda en masa ás urnas para construír un país novo e dicir bye, bye, Feijóo", reivindicou nunha chamada á participación o exdeputado no Congreso, que compartiu pegada con Martiño Noriega.

Gómez-Reino denunciou que Feijóo "nos fixo perder máis dunha década, facendo que o noso país deixara de ser referente no Estado e en Europa" e que o único liderado que exerceu foi para "destruír, manipular e aplicar os recortes máis salvaxes de Rajoy".

Casal: "É máis necesaria ca nunca unha forza que non teña reparos en falar con todo o mundo"

Pancho Casal. PEPE FERRÍNA Marea Galeguista deu o pistoletazo de saída á campaña na compostelá Praza 8 de Marzo, co candidato á presidencia, Pancho Casal, acompañado pola cabeza de lista por Pontevedra, Peque González. No acto no que colocaron os primeiros carteis electorais reivindicaron as "potencialidades de Galicia como país" e puxeron o foco nas "emerxencias social, feminista, ambiental e democrática que vive Galicia".

Nese punto, Casal asegurou que a súa formación estará no Parlamento de Galicia porque a cidadanía está farta da polarización política e reclama unha forza que, "sen dependencias, aposte por unha nova normalidade xusta, sostible e na que ninguén quede atrás".

Subliñou que o actual contexto de crise sanitaria, social e económica, esixe "consensos amplos", razón pola que ve "máis necesaria ca nunca unha forza que non teña reparos en falar con todo o mundo". 

Vox e Ciudadanos aspiran a entrar no Hórreo

O acto de Vox en Santiago. PEPE FERRÍN

O vicepresidente primeiro de Vox e xefe da delegación no Parlamento Europeo, Jorge Buxadé, apadriñou o debut autonómico do partido de Abascal coa pegada, tras visitar pola tarde o porto de Malpica xunto ao candidato pola Coruña, Ricardo Morado. A formación non presenta candidato á Xunta.

Buxadé protagonizou un movido arranque da campaña electoral do partido nun acto no que ante unha vintena de simpatizantes avisou de que a súa formación chega "para quedar en Galicia" e ao cal acudiu a Policía pola presenza de opositores do partido verde.

A campaña de Vox arrincou con tensión ao irromper un grupo de mozos ao berro de "fóra da Galiza"

"Vox estará aquí, non nos imos a marchar", proclamou Buxadé nun acto que outras dúas ducias de persoas interromperon cunha cacerolada e ao berro de Fascistas, "fóra da Galiza" e "independencia", á vez que portaban bandeiras antifascistas e independentistas.

O acto finalizou pasadas as doce da noite cun simulacro de enfrontamento despois de que Buxadé e os candidatos galegos da formación se achegasen aos policías que separaban manifestantes e simpatizantes de Vox. No entanto, o episodio non pasou a maiores e saldouse coa identificación dun mozo que, alleo a ambos os grupos, pasaba pola praza e increpou os simpatizantes de Vox. Axentes da policía agarraron polo brazo o mozo e levárono a unha esquina, onde lle tomaron os datos. 

A localización elixida por PSdeG, BNG e Vox era un dos ingredientes destacados no arranque desta atípica campaña marcada pola pandemia. E é que iniciaron a carreira oficial ás urnas nun radio de 250 metros, aínda que separados pola morfoloxía de rúas e prazas que conforman o centro histórico de Santiago de Compostela. 

Beatriz Piñeiro en Vigo. EFEDesde Ciudadanos, a candidata á presidencia da Xunta, Beatriz Pino, destacou que a súa formación aspira a entrar no Parlamento tras as eleccións autonómicas para transformar Galicia nunha "terra chea de oportunidades". 

Durante un acto celebrado este xoves no paseo marítimo da praia viguesa de Samil, Pino participou nunha pegada de carteis acompañada por militantes. Neste contexto, reivindicou a necesidade de que a comunidade non permaneza "varada durante catro anos máis". "Estamos convencidos de que os galegos teñen moito que gañar co proxecto de Ciudadanos", defendeu a candidata da formación laranxa. 

[FOTOS de Pepe Ferrín e partidos]

Comentarios