O patinete 'frankenstein' de Lugo dá a volta a España

Moitos medios fixéronse eco da noticia do lucense que viaxaba cun dispositivo construído con retrincos de rozadoras, minimotos e bicicletas

Patinete por el que multaron a un lucense. EP
photo_camera Patinete polo que multaron a un lucense. EP

O enxeño do lucense que se construíu o seu propio patinete caseiro, coma se dun moble dun Ikea da chatarra se tratase, deu a volta a España.

Moitos medios fixéronse eco da noticia da multa ao home que circulaba pola estrada da Fonsagrada, nas proximidades do Carqueixo, cun vehículo frankenstein, feito con retrincos doutras máquinas: o motor e un acelerador dunha rozadora, o depósito dunha minimoto, o asento e o manillar dunha bicicleta e un mando dun slot. As rodas, como non podía ser doutra forma, eran cada unha do seu pai e da súa nai.

Houbo bromas nas redes sociais e incluso algún meme, pero o que está claro é que detrás do anecdótico da noticia agóchse un problema de maior alcance. A regulación deste tipo de vehículos (non tanto os caseiros como os que se comercializan) que cada vez proliferan máis nas cidades españolas

A DXT está a preparar un regulamento para os novos vehículos
A irrupción dos patinetes eléctricos e os segway, que se atopan nun limbo normativo, provocou que a Dirección Xeral de Tráfico, segundo medios nacionais, se poña ao choio para elaborar un regulamento que regule estes dispositivos, que non requiren de autorización administrativa para circular, e que se axuste á normativa europea.

Así se prevé que estableza catro categorías: xoguetes (monopatíns e hoverboard), con velocidade máxima de seis quilómetros por hora; vehículos de mobilidade persoal (patinetes eléctricos e segway), de 10 a 25 e unha potencia máxima de 2.000 W; eBici (bicicletas eléctricas), ata 25 quilómetros por hora e 250 W, e L1e (patinetes eléctricos máis grandes e pesados), que poderán alcanzar os 45 quilómetros por hora.

Comentarios