Patrimonio comunica que non está "lexitimado" para reclamar a titularidade de Meirás

A Deputación da Coruña considera que o organismo responde "de maneira política e elude responsabilidades"

Pazo de Meirás. CABALAR (EFE)
photo_camera Pazo de Meirás. CABALAR (EFE)

A Deputación da Coruña trasladará ao Ministerio de Presidencia a reclamación para recuperar o Pazo de Meirás, segundo informa a institución provincial despois de recibir a resposta de Patrimonio Nacional, analizada na última reunión do Xunta pro Devolución do inmoble. Nun comunicado, asegura que, para esta Xunta, Patrimonio Nacional responde "de maneira política e elude responsabilidades" despois de que argumente que non está "lexitimado" para iniciar este proceso. 

Recibida esta resposta, desde a Xunta pro Devolución defenden "a solidez" do informe xurídico remitido pola Deputación da Coruña a Madrid e lamentan que desde o organismo responsable da xestión do Patrimonio Nacional "eludan implicarse perdendo a oportunidade de reclamar o Pazo para goce público". 

Por outra banda, a institución provincial explica que, na reunión do Xunta pro Devolución, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, anunciou "a continuidade da vía xurídica e a solicitude dunha reunión co Ministerio de Presidencia co fin de esgotar todas as vías" para recuperar o Pazo.

SOLICITUDE DE REUNIÓN. Neste sentido, desde a Deputación da Coruña anunciaron "unha reunión inminente" do presidente e a vicepresidenta da institución, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rey, respectivamente, cos servizos xurídicos da institución, ademais do equipo encargado de elaborar o informe que abre a vía para a recuperación para ben público do Pazo. 

Desde a Deputación manifestan o convencemento de que o camiño sinalado no informe xurídico "que se fundamenta na nulidade do contrato de compra-venda do conxunto a Francisco Franco en 1941- continúa aberto e permite novas exploracións que a resposta de Patrimonio Nacional non pecha". 

"Só sinala que desde esa institución non senten lexitimados para iniciar o proceso, o que significa que hai outras instancias que teñen que mover ficha", sinala Goretti Sanmartín no comunicado.

RESPOSTA DE PATRIMONIO NACIONAL. O informe xurídico encargado pola Deputación da Coruña a un equipo dirixido polo profesor da Universidade de Santiago (USC), Xabier Ferreira, abría a porta á recuperación do Pazo de Meirás e puña o foco en Patrimonio Nacional "como suxeito con opcións para presentarse no proceso de recuperación do conxunto considerado Ben de Interese Cultural para o patrimonio público". 

A pesar da argumentación exposta, a resposta de Patrimonio Nacional afirma, segundo explica a institución provincial, que non se atopa "lexitimado" para esta "reivindicación", para o que alude a un informe solicitado á Avogacía do Estado. 

Segundo a notificación enviada á institución provincial, o informe xurídico recoñece que o Pazo de Meirás foi "unha das dúas residencias oficiais de verán do entón Xefe do Estado desde 1941 a 1975", pero engade que "ao non ser nunca propiedade do Estado, nin puido nin pode integrarse no Patrimonio Nacional". 

Desde o Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás insisten en que o camiño xurídico que tería que abrirse desde instancias do Estado "non está pechado" polo que remitirán todos os documentos ao Ministerio de Presidencia, ao que pedirán tamén unha reunión. 

Comentarios