"Pedinlle perdón e choramos xuntas", así foi o encontro entre as nais de Diana e O Chicle

López Pinel solicitou reunirse cos pais do presunto asasino da súa filla. "Non tedes ningunha culpa", díxolles

Diana López Pinel, José Abuín y Margarita Gey. EFE / TVG
photo_camera Diana López Pinel, José Abuín e Margarita Gey. EFE / TVG

Diana López Pinel mantiña recentemente e a petición propia un encontro cos pais do Chicle, que permanece no cárcere da Lama á espera de xuízo pola morte de Diana Quer. Deste xeito, a nai da moza madrileña desprazábase hai uns días á vivenda familiar dos Abuín en Rianxo  e, segundo parece, facíao cunha intención: eximilos dos actos deseu fillo.

José Abuín e Margarita Gey recoñecerían que o seu fillo é "un salvaxe e un covarde"

Así polo menos pódese concluír dos detalles que se coñecen do encontro, que transcenderon grazas a unhas declaracións de Margarita Gey, a nai de Enrique Abuín, ao programa Espejo Público. "Choramos moito, abrazámonos forte e pedinlle perdón. Ela o que me dixo foi: 'Vostede non ten culpa de nada", explicaba ás cámaras Gey.

Segundo o programa de Antena 3, por mor deste encontro poderíase afirmar que o ámbito familiar do Chicle modificou a súa postura en canto ao caso. Ata agora, os pais de Abuín mantiña que as acusacións contra seu fillo eran falsas. Incluso chegaron a confesarlle a Carlos Macía, nunha entrevista na TVG, o seu total convencemento de que Enrique estaba a encubrir a alguén e que, segundo lles dixo o detido, todo ía saberse no xuízo. Con todo, nesta ocasión e ante a nai de Diana, José Abuín e Margarita Gey recoñecerían que o seu fillo é "un salvaxe e un covarde".