Unha persoa resulta ferida en Caldas tras saírse co seu coche da estrada

Os Bombeiros de Vilagarcía tiveron que auxiliar ao condutor que se quedou atrapado no vehículo

Unha persoa resultou ferida nun accidente de tráfico ocorrido no municipio de Caldas de Reis, cando se saíu da estrada co vehículo que conducía. 

Segundo informou o Centro Integral de Atención a Urxencias 112-Galicia, o suceso ocorreu cando o vehículo se incorporaba á AP-9, no quilómetro 110 en dirección a Santiago de Compostela.

Foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Vilagarcía para liberar ao condutor, que quedara atrapado no vehículo. Posteriormente, foi evacuado nunha ambulancia do 061 ao hospital de referencia. 

No operativo participaron tamén axentes da Garda Civil de Tráfico, Policía Local, GES de Valga e Protección Civil da localidade.  

COCHE INCENDIADO. Doutra banda, os Bombeiros do Morrazo apagaron na madrugada deste luns as chamas dun coche que se incendiou tras chocar contra a esquina entre unha vivenda e o portal do garaxe en Moaña. Ademais de calcinar o turismo totalmente, as chamas afectaron o portal do inmoble. 

O suceso tivo lugar sobre as 4.00 horas e no operativo participaron, ademais, efectivos de Garda Civil e Policía Local. Non houbo persoas afectadas, segundo o 112.