martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

O persoal técnico de prevención de incendios de Galicia reclama un novo convenio

Un brigadista nun incendio forestal. ARQUIVO
Un brigadista nun incendio forestal. ARQUIVO
Lamenta que a Administración non presente ningunha proposta

O persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais da Xunta de Galicia acordou nunha unha asemblea celebrada telemáticamente reclamar á Administración autonómica un novo convenio colectivo.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UXT e CSIF informan nun comunicado de que en agosto de 2019 levaron á mesa de negociación as demandas dos enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes que traballan en tarefas de coordinación e xestión das urxencias por incendios forestais. Con todo, "ata hoxe a Administración non foi capaz de presentar ningunha proposta", quéixanse os sindicatos.

Os representantes dos traballadores denuncian que o persoal técnico conta cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 que agora está "desfasado polos cambios na Consellería, distribución de persoal e condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais".

Ademais, indican que dito acordo laboral foi denunciado polas catro organizacións sindicais citadas a finais de agosto do ano pasado.

O acordo vixente "contradi varios preceptos da normativa laboral", advirten, e reclaman un novo que dea, "como mínimo, solución a varios aspectos, como o aumento do cadro de persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal".

Ademais, demandan a redución do horario anual, que supera, indican, "as 2.000 horas", é dicir "ao redor de 500 horas máis que o resto de empregados públicos", e reclaman a regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios, así como que se garantan 15 días de vacacións no verán.

No novo acordo, as centrais sindicais tamén solicitan unha maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios, e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais, así como a eliminación "da dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito" e establecer un segundo xefe de garda por distrito forestal.

O persoal técnico de prevención de incendios de Galicia reclama un...
comentarios