Catro dos intoxicados por comer unha planta venenosa en Vigo recibirán a alta

O vexetal en cuestión, presumiblemente estramonio, collérono dunha plantación de millo próxima á casa dun deles e comérona na cea

Hospital Álvaro Cunqueiro. RAFA FARIÑA
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro. RAFA FARIÑA

Catro das nove persoas, sete homes e dúas mulleres, de nacionalidade chinesa que resultaron intoxicadas por comer unha planta venenosa en Vigo, presumiblemente estramonio, a expensas dos resultados definitivos de laboratorio, recibirán a alta hospitalaria nas próximas horas.

Trátase das catro persoas que permanecían en observación na zona de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde ingresaron, xunto co resto de intoxicados, na noite do martes, segundo informaron fontes do Servizo Galego de Saúde.

As outras catro que foron ingresadas na unidade de coidados intensivos pasarán a planta, engaden as fontes, mentres que a persoa restante foi ingresada no hospital Povisa.

Segundo os testemuños solicitados das persoas afectadas que puideron ser entrevistadas, a planta en cuestión collérona dunha plantación de millo próxima á casa dun deles e comérona na cea.

Estas nove persoas, con idades comprendidas entre os 35 e os 50 anos, ingresaron no hospital Álvaro Cunqueiro cun cadro de intoxicación aguda, aínda que xa no primeiro parte médico facilitado, o Servizo Galego de Saúde avanzaba que non corría perigo a vida de ningún deles e que o seu prognóstico era reservado. 

Comentarios