Piden 12 anos de cárcere para un coruñés por abusar dunha menor

A Fiscalía tamén solicita unha indemnización de 50.000 euros para a vítima

O fiscal pide 12 anos de prisión e unha indemnización de 50.000 euros para un coruñés por un delito continuado de agresión sexual a unha nena de 13 anos.

En concreto, segundo indicou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a través dun comunicado, o xuízo terá lugar este mércores día 5 de outubro, ás 10.00 horas, na Audiencia Provincial da Coruña.

Desde o mes de xaneiro de 2009 e, polo menos, ata o mes de abril de 2014, o procesado mantiña unha relación sentimental cunha muller e, froito dun matrimonio anterior desta, convivían con eles dúas nenas menores sobre as que o procesado viña exercendo funcións de pai.

Durante o verán de 2009, cando a parella residía nun destino turístico, o procesado, "aproveitando que a nai non se atopaba na casa", "convenceu a unha das menores", quen pola súa falta de audición usaba habitualmente uns audífonos, para que se espise" e, acto seguido, comezou a "realizarlle tocamentos". O procesado non volveu protagonizar outra conduta similar ata o verán do ano 2010 e, a partir desta data, o acusado "reiterou o seu número non determinado de comportamentos similares".

Os feitos, segundo subliñou a Fiscalía, son constitutivos dun delito continuado de agresión sexual a unha menor, polo que, destacou, procede imporlle a pena de 12 anos de prisión e inhabilitación absoluta, así como a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros á vítima, ao domicilio familiar ou a calquera outro lugar en que se atope por un tempo de 10 anos. Así mesmo, o acusado deberá indemnizar á menor, en concepto de dano moral, na suma de 50.000 euros, así como ao Sergas no importe da asistencia facultativa prestada á menor.

Comentarios