Piden 20 anos para unha parella acusada de matar unha muller na Pobra

Os procesados vendían, presuntamente, droga á vítima

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, acollerá este martes un xuízo no que a Fiscalía pide vinte anos de prisión para unha parella "que se dedicaba á venda de droga" como presuntos autores dun "asasinato con asañamento" a unha muller que lles compraba droga.

O Ministerio Fiscal, nas súas consideracións previas, indica que os acusados "de previo acordo" deron morte á vítima de nacionalidade estranxeira que foi atopada nunha leira da Pobra do Caramiñal con feridas de arma branca.

A morte de E.A.P., segundo a autopsia practicada, produciuse entre as 8.00 e as 12.00 horas do día 7 de xuño de 2015, por shock hipovolémico como consecuencia dunha hemorraxia externa e interna derivada das feridas infrinxidas polos acusados, segundo o escrito da Fiscalía.

Segundo o escrito de acusación, foron máis de 36 feridas incisas e cortopunzantes, as cales teñen a súa orixe "nunha arma branca provista de fío e punta causándolle así un sufrimento e agonía lentos e prolongados ata sobrevirlle a morte a causa do shock".

Na súa argumentación, a Fiscalía pon de relevancia que a leira onde se achou o cadáver é unha "zona de difícil acceso para alguén que non coñeza ben" o lugar, e remarca que a leira anexa pertence á nai da acusada, "dándose a circunstancia de que esta a frecuentaba semanalmente, acompañada polo outro acusado".

O escrito destaca tamén que os acusados se dedicaban á venda de drogas polo miúdo, xa que no rexistro do domicilio da parella foron achados varios envoltorios de cocaína, balanzas de precisión, morteiro, coitelos, varios cartóns de memoria de móbiles", así como unha pistola con cartuchos coa cal xa ameazaran a varios "clientes" por débedas de droga, segundo expón o fiscal.

De feito, segundo as pescudas dos investigadores, a vítima compráballes cocaína e incluso "foi achada unha bolsiña de cocaína na súa sujetador cando foi descuberto o seu cadáver".