Piden 26 anos para un adestrador por abusar de dous menores, unha delas pupila súa

Cando foi detido, en outubro de 2016, a súa alumna tiña 14 anos

A Fiscalía pide 26 anos e 8 meses de cárcere para un adestrador de fútbol de Mos (Pontevedra) acusado de abusar sexualmente de dúas mozas menores de idade, unha das cales era unha alumna súa e que cando foi detido, en outubro de 2016, ela tiña 14 anos.

Dáse a circunstancia de que o acusado, Jesús G.F., é reincidente, xa que con anterioridade fora detido por sendas agresións sexuais sobre dúas das súas pupilas, ambas tamén menores, en 2010 e 2011. Segundo se recolle no escrito da Fiscalía, ao que tivo acceso Efe, o acusado comezou a manter relacións sexuais cunha das xogadoras do equipo ao que adestraba entre finais de decembro de 2015 e principios de xaneiro de 2016.

As relacións mantivéronse periodicamente en distintos momentos e lugares, ata a detención de Jesús G.F. en outubro de 2016. Desde entón permanece en prisión provisional. Para iso valeuse, segundo indica o ministerio público, tanto da súa diferenza de idade como da súa condición de adestrador e mentor, así como da "especial situación familiar" da vítima, logrando así obter a súa "total confianza e submisión".

A Fiscalía impútalle senllos delitos, un deles continuado, sobre unha menor de 16 anos; un delito continuado de elaboración de pornografía infantil sobre unha menor de 16 anos, e un de exhibicionismo e provocación sexual, e ten en conta o agravante de reincidencia.

Ademais da pena de cárcere, solicita para o acusado unha orde de afastamento respecto das dúas menores, e sendas medidas de liberdade vixiada, que inclúe a prohibición de acudir a eventos e recintos deportivos destinados a menores e de traballar con estes. Segundo informou a Garda Civil días despois da súa detención, este adestrador de fútbol foi denunciado polo pai dunha das mozas, coa que mantiña unha relación sentimental "aparentemente consentida".

No marco da investigación, a Garda Civil puido concluír, a través de gravacións de vídeo obtidas na vía pública, que Jesús G.F. puido manter relacións sexuais coa menor no interior do vehículo que conduce habitualmente o detido. No rexistro do seu domicilio, a Garda Civil incautouse dun computador, un disco duro externo, dez DVD, dous dispositivos de almacenamento e un vídeo consola.