Piden sete anos de cárcere para o exalcalde de Ourense Manuel Cabezas

Fixan en 1,65 millóns o perjucio ás arcas públicas ao non esixir o 10% o aproveitamento urbanístico 
Manuel Cabezas. BRAIS LORENZO
photo_camera Manuel Cabezas. BRAIS LORENZO

A Fiscalía pide sete anos de prisión e unha multa de 1,5 millóns de euros para o que fose alcalde polo PPdeG en Ourense Manuel Cabezas entre os anos 1995 e 2007 por un prexuízo ás arcas públicas municipais duns 1,65 millóns de euros, ao non esixir o 10 por cento do aproveitamento urbanístico, obrigatorio por lei, a un total de 15 proxectos. 

Ademais, tamén se solicita esta mesma pena de cárcere para o que era concelleiro delegado de Urbanismo entre setembro de 1999 ata xuño de 2004, Ricardo Campo Labrador. Neste caso, a multa ascende a 1,2 millóns de euros. 

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, recollido por Europa Press, explica que en decembro de 1994, o pleno municipal aprobou unha proposta que supuña "a non esixencia do 10 por cento do aproveitamento urbanístico municipal nos polígonos de chan urbano non consolidado". En 1997 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei do chan e no ano 1998 a Lei sobre réxime do chan que recollía expresamente o 10 por cento do aproveitamento.

"ENRIQUECEMENTO INXUSTO". "No entanto, (...) a propósito da da inaplicación do acordo aprobado no pleno do 15 de decembro de 1994, sen modificar o mesmo sendo nulo de pleno dereito", sinala a Fiscalía en relación a Manuel Cabezas e Ricardo Campo Labrador, "aproveitaron os cargos públicos que ostentaban, guiados, ambos os acusados, por un ánimo de enriquecemento inxusto, co fin de converter o patrimonio municipal en beneficios privados". 

Así pois, engade que, entre os anos 1997 e 2002, aprobaron 15 proxectos de compensación, en chan urbano non consolidado, "sen esixir a cesión do 10 por cento", a pesar de ser "preceptiva". 

No escrito fiscal enuméranse os 15 proxectos nos que non se esixiu o 10 por cento con contías que suman uns 1,65 millóns de euros e que van desde os 21.022 euros ata os case 700.000 euros.

APERTURA DE XUÍZO ORAL. A Fiscalía pediu a apertura de xuízo oral e, segundo as fontes consultadas por Europa Press, podería dilatarse ata mediados do ano que vén este xuízo. 

Ademais, pide que, ademais dos acusados, acudan seis persoas como testemuñas, entre elas, a que fose concelleira de Urbanismo socialista Áurea Soto e autora da querela inicial, e probas periciais, entre elas, os documentos elaborados no seu día polo Consello de Contas titulado por Luciano Fariña, no que se constaban estas posibles irregularidades. 

A defensa intentou en varias ocasións ampliar os prazos do proceso, que xa é dilatado no tempo posto que o xuíz instrutor inicial tivo que absterse por incompatibilidade con outro proceso, ao ser denunciado por suposta prevaricación pola investigación a Áurea Soto, cuxa causa foi sobreseída. 

Ademais, neste proceso tamén acabou sancionado con dez meses e 2.500 euros pola Fiscalía Xeral do Estado o fiscal inicial da causa, Florentino Delgado, por atrasar a tramitación da causa contra Manuel Cabezas.

Este fiscal foi sancionado, posteriormente, con outros 18 meses de suspensión de emprego e soldo por outro caso alleo a este e que está vinculado ao piso que lle custeou a Xunta entre 2004 e 2016, un preito que saldou asumindo a débeda.

Comentarios