Piden aos galegos que marquen a X solidaria na Renda: só o 53% o fai

Varios colectivos buscan, cun acto no Obradoiro, concienciar para que se destine o 0,7% a actividades sociais

Un X humana en el Obradoiro. XOÁN REY
photo_camera Una X humana en el Obradoiro. XOÁN REY

A pesar do incremento na cifra de persoas que cada ano marcan a X solidaria para destinar o 0,7% dos seus impostos a actividades sociais, o 46% dos contribuíntes galegos aínda non se decanta por esta opción. 

Así o indicou este xoves a vicepresidenta da Rede galega contra a pobreza (EAPN Galicia), Mónica Permuy, que participou nun acto de concienciación na Praza do Obradoiro de Santiago para trasladar aos contribuíntes a importancia de que "decidan e elixan que facer con parte dos seus impostos".

Permuy fixo un chamamento a toda "a cidadanía" para que se marque na campaña da renda esta X solidaria, unha achega que, recordou, é compatible con marcar tamén a casa da Igrexa católica e que, ademais, "non reparte o diñeiro", se non que supón a asignación do 0,7 por cento a cada unha. 

"Todos os anos, a Administración, na declaración da renda, ofrécenos a posibilidade de decidir a que queremos dedicar unha parte do que se recada cos nosos impostos", dixo Permuy, que recordou que este é "un dereito que non está a utilizar gran parte da poboación". 

Os fondos para entidades sociais, recordou, permiten traballar para "evitar a desigualdade" e as situacións de "pobreza" en ámbitos como a exclusión social, os colectivos vulnerables ou a discapacidade, tendo en conta que "España é un dos países máis desiguais da Unión Europea" e que, en Galicia, máis de 700.000 persoas viven en risco de pobreza.

MÁIS DE 15 MILLÓNS. Na última campaña da renda, dixo Mónica Permuy, máis de 600.000 contribuíntes galegos marcaron a X solidaria, o que permitiu recadar uns 15,5 millóns de euros, unha "cantidade moi razoable" para as súas actividades. 

No entanto, destacou que aínda hai "un 46% de contribuíntes que non marcan" esta opción na comunidade, algo que permitiría recadar en Galicia 11 millóns de euros adicionais. 

Na concentración, na que os participantes recrearon unha xigantesca X solidaria na Praza do Obradoiro, participaron tamén representantes da Coordinadora Galega de ONGD e de Cermi Galicia. 

En concreto, o presidente desta última entidade, Iker Sertucha, destacou, que cos fondos desta campaña, realízanse "proxectos de inclusión social" e "programas de investimento" que "teñen impacto nos cidadáns galegos". 

Ademais de reducir burocracia, Sertucha apostou por tratar "de manter e conservar o modelo co que están a xestionar estes fondos" e pediu á Xunta, que se encarga da distribución dos mesmos, que canalice "o 100%" a través da Consellería de Política Social. 

Comentarios