A Fiscalía pide 10 anos de cárcere para un home acusado de homicidio por causar a morte ao seu irmán tras dispararlle no transcurso dunha discusión, e que será xulgado a próxima semana entre o 17 e o 21 de setembro por un tribunal de xurado, na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Os feitos remóntanse a setembro de 2012, cando o acusado, S.G.L., estaba a manter unha discusión co seu irmán, nunha leira anexa aos domicilios de ambos, na localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa.
O disparo desgarroulle a arteria femoral da vítima, que faleceu desangrada en poucos minutos debido a un shock hipovolémico
No transcurso da discusión, S.G.L. asperxeu a cara do seu irmán cun spray de defensa, causándolle irritación nos ollos, polo que este tivo que ir á súa casa a lavarse a cara. Nese momento, o acusado aproveitou para ir tamén ao seu domicilio e facerse cunha escopeta.
Cando o irmán regresou e encarouse con S.G.L., este disparoulle coa arma, a pouca distancia, nunha perna, e desgarroulle a arteria femoral, polo que a vítima faleceu desangrada en poucos minutos, debido a un shock hipovolémico. O acusado chamou á Policía Nacional no momento e confesou o que fixera.
O ministerio público considérao autor dun delito de homicidio, e pide que se lle aplique a circunstancia atenuante de confesión. Así, pide para S.G.L., unha pena de 10 anos de prisión e que indemnice en 145.000 euros á muller e fillas do falecido; así mesmo, establece unha indemnización de 9.500 euros para a nai, que vivía coa familia da vítima, "salvo que a mesma manifeste a súa renuncia".