Piden a nulidade da sentenza que condenou ao asasino da súa muller en Cabana

A acusación particular e o fiscal non compartiron esta petición da avogada da defensa
Un momento da vista do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. EFE
photo_camera Un momento da vista do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. EFE

A avogada da defensa no caso do home que foi condenado a 26 anos e medio de cárcere por asasinar a tiros á súa muller en 2018 en Cabana de Bergantiños (A Coruña) pediu este martes a nulidade do xuízo por falta de motivación da sentenza, extremo que non compartiron a acusación particular nin o fiscal.

"Entendemos que a sentenza é nula e que procede declarala como tal", manifestou a letrada que representa a J.G.P., durante a vista de apelación celebrada no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que solicitou anular a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña por non vela debidamente motivada ou, subsidiariamente, rebaixar a pena a 15 anos de prisión.

Durante a súa exposición, a avogada rexeitou as declaracións realizadas polas testemuñas no xuízo oral e asegurou que "non existía menosprezo", nin "posición dominante" por parte do seu patrocinado cara á vítima, Ana Belén Varela, quen recibiu do condenado tres disparos no seu domicilio familiar.

Para solicitar a rebaixa da pena, censurou que non se tiveron en conta as atenuantes de arrebato ou obcecación, embriaguez e reparación do dano.

Pola súa banda, o fiscal defendeu que "existe motivación máis que suficiente" nas probas sobre as cales "o xurado considerou probado por unanimidade" que o home é autor dun delito de asasinato, cos agravantes de xénero e parentesco, e doutro de tenencia ilícita de armas.

"O que pretende a defensa é que se proceda a unha modificación do relato de feitos probados", indicou o representante do Ministerio Público, que insistiu en que "non é posible a nulidade" da sentenza.

Mentres, o avogado da acusación particular, Manuel Ferreiro, apuntou, en declaracións aos medios de comunicación, que a sentenza está "ejemplarmente motivada" e entendeu que "non ten base o recurso", xa que o xurado, por unanimidade, estimou todas as súas pretensións e as da Fiscalía.

Así, asegurou que o procesado "actuou con ímpeto de dominar á vítima" e considerou que "estaba en pleno uso das súas facultades" o día dos feitos.

Respecto da posición da defensa sobre a existencia dun arrebato ou obcecación, Manuel Ferreiro remarcou que "o xurado foi moi claro", xa que "todos os que viron ao acusado ese día din que estaba en pleno uso das súas facultades", non só os seus defendidos, dixo, senón tamén "os propios axentes da Garda Civil e incluso o médico forense".

"Sostemos que as testemuñas mantiveron a verdade desde o principio. De feito, non hai fisuras", recalcou o letrado da acusación particular, que incidiu en que o asasinato "estaba premeditado".

Comentarios