Piden retirar a Manuel Fraga o título de fillo adoptivo da Coruña

A proposta xorde dun manifesto presentado por 29 presos políticos do Franquismo

Manuel Fraga SEBAS SENANDE
photo_camera Manuel Fraga. SEBAS SENANDE

Un grupo de 29 presos políticos do Franquismo presentou un manifesto no que reclama ao Concello da Coruña que retire a distinción de Fillo Adoptivo da cidade a Manuel Fraga, un título que foi concedido en 1968, cando ocupaba o cargo de Ministro de Información e Turismo no Goberno de Francisco Franco.

"Fraga non era unha persoa medio progresista que pasaba por alí; en 1937 afiliouse á Falanxe, era un militante activo", asegurou en declaracións á prensa Nicanor Acosta, un dos asinantes do manifesto.

Neste sentido, Acosta denunciou que Fraga "é os mortos de Vitoria, é os sucesos de Montejurra e é todo un proceso de represión que queda exemplificado coa frase 'a rúa é miña', o que supuña que non era do pobo, senón dos grises".

O manifesto, que leva por título "Non queremos ao camarada Fraga como fillo adoptivo", conclúe que "como servidor do Franquismo e ministro nunha ditadura criminal, Manuel Fraga non merece recoñecemento social nin a distinción de fillo adoptivo da Coruña".

Un dos seus promotores, o ex edil do BNG Manuel Monge, incluíu no manifesto unha fotografía de Manuel Fraga realizando o saúdo fascista "realizada un mes antes de que se lle concedese o título de fillo adoptivo" e recordou que Fraga "nunca manifestou arrepentimento nin pediu perdón polos crimes do franquismo".

"É hora de facer fronte á ofensiva das forzas nostálxicas do franquismo; este é un manifesto que nace dunha actitude valente e de defensa da dignidade das vítimas da ditadura", sinalou Monge, quen espera que nos próximos días "poida ampliarse o apoio ao manifesto, que será referendado nos próximos días por distintos historiadores".

Os promotores xa pediron unha entrevista co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, do que esperan "unha colaboración total en apoio a esta iniciativa", e van presentar outras dúas solicitudes para reunirse cos grupos municipais do PSdeG e o BNG para entrevistarse con eles "esta mesma semana".

Este colectivo colocará unha mesa informativa no Cantón Grande o vindeiro venres ás 12:30 para trasladar esta demanda á cidadanía e solicitou ao Concello o permiso necesario para valerse do "escano cidadán" no pleno municipal do próximo 14 de xaneiro e explicar o manifesto.

A manifesto conta coa firma de personalidades como Xosé Luís Méndez Ferrín, Rafael e Raúl Pillado, Anxo Currás, Manuel Villares, Elvira Souto ou Manuel Lourenzo.

Comentarios