Pino lamenta os “malos resultados” e “o ascenso do nacionalismo”

“Sabiamos que estas eleccións non eran fáciles, dábanse nun escenario e un contexto complicados, pero saímos a dalo todo", asegurou a candidata de Ciudadanos
Acto de Ciudadanos. EFE
photo_camera Acto de Ciudadanos. EFE

A candidata de Ciudadanos á presidencia da Xunta, Beatriz Pino, lamentou este domingo uns resultados “que non son bos” e están “por baixo das expectativas”, tras o que se comprometeu a seguir “traballando con máis forza e afán”, especialmente “contra o ascenso do nacionalismo”.

“Sabiamos que estas eleccións non eran fáciles, dábanse nun escenario e un contexto complicados, pero saímos a dalo todo e a demostrar que representa este proxecto de centro liberal e moderado”, apuntou Pino nunha rolda de prensa ofrecida na sede da formación laranxa en Santiago.

Co 98,37 % do voto escrutado, Ciudadanos obtivo un resultado netamente inferior ao cultivado hai catro anos, pasando de 39.031 votos a non alcanzar os 10.000 e pasando dun 2,64 % dos sufraxios a tan só o 0,74 %.

Durante este período, a formación laranxa obtivo resultados moi superiores nas eleccións xerais, con 135.125 apoios en 2016 e 182.484 nas primeiras eleccións de 2019, nas que obtiveron dous escanos no Congreso dos Deputados que despois perderían o 10N.

Pino incidiu especialmente na “mala noticia” que supón para os galegos “o avance do nacionalismo”, un feito que “preocupa verdadeiramente” a Ciudadanos, un partido “que naceu en Cataluña para loitar contra o nacionalismo e ser o muro de contención fronte a el, algo que seguirá facendo en Galicia”.

“Nós xa advertimos antes da campaña de que a ameaza nacionalista estaba a campar ás súas anchas e agora está a crecer”, resolveu Pino, quen insistiu en que Ciudadanos traballará “desde o Congreso e desde onde poida” para “facer política útil” e “frear o nacionalismo”.

Comentarios