Pontón sitúase como a líder máis valorada, segundo a sondaxe postelectoral do CIS

Quedou por diante do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
Ana Pontón, en Ferrol. EFE
photo_camera Ana Pontón, en Ferrol. EFE

A portavoz do BNG, Ana Pontón, sitúase como a líder máis valorada, cunha puntuación media dun 5,9, por diante do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cun 5,5, segundo a enquisa  postelectoral de Galicia que publicou este mércores o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

Esta sondaxe, con 3.037 entrevistas realizadas entre a poboación con dereito a voto en eleccións autonómicas do pasado 12 de xullo e residente na comunidade autónoma de Galicia, outorga unha valoración media de 4,3 ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Os resultados desta enquisa, feita do 8 ao 22 de setembro de 2020, supoñen un incremento da valoración de Pontón con respecto á o barómetro do CIS do pasado mes de xuño, cando a líder nacionalista alcanzou unha puntuación media de 5, mentres Núñez Feijóo alcanzou un 6,1.

Naquela ocasión, o líder dos socialistas galegos tamén quedou por baixo do aprobado, pero cun 4,9, unha valoración superior á de agora.

Nas eleccións autonómicas do pasado 12 de xullo, Núñez Feijóo gañou cun maioría absoluta de 42 deputados, mentres que Pontón converteuse en líder da oposición, con 19 escanos, e o partido de Caballero quedou terceiro, con 14. 

Comentarios