Pontón ve a Feijóo un "vasalo" que entoa "o se ti me dis vén, déixoo todo" ante Casado

Tras a celebración do primeiro Consello Nacional da formación nacionalista, censurou que o presidente da Xunta demostre que as súas prioridades son sempre o PP

Ana Pontón. PEPE FERRÍN
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a criticar a presenza prevista este domingo en Madrid do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na protesta convocada contra o Goberno de Sánchez, tras cambiar a súa axenda institucional, por demostrar que "é un vasalo" que entoa ante Pablo Casado "o se ti me dis vén, déixoo todo"

Tras a celebración do primeiro Consello Nacional da formación nacionalista, Pontón censurou que Feijóo demostre que as súas prioridades son "primeiro, o PP, segundo, o PP e terceiro o PP", despois de que modifique a axenda institucional da súa viaxe a Estados Unidos, como presidente da Xunta, para poder estar na protesta do domingo, á que inicialmente anunciara que non podería acudir. 

Para Pontón, Feijóo "abraza o discurso de a ultradereita que lle marca Casado" e ironizou que a súa actitude recorda ao coñecido bolero, porque "Casado díxolle ven, e Feijóo apurouse a coller un avión desde Nova York e plantarse en Madrid, que bo vasallo se tivese bo señor". 

Fronte a isto, reivindicou que Galicia necesita unha formación "forte" como o BNG, que sirva de muro "de contención"

"Tanto dividirse e ao final xúntanse todos", ironizou sobre a protesta apoiada por PP, Ciudadanos e Vox. 

Unha situación que enmarca nun contexto de "involución democrática" en España, "agravado" por unha "dereita con frenesí españolista e botada ao monte", que "carreta autobuses a Madrid contra algo tan fundamental en democracia como é o diálogo", que mostra "a súa peor cara co machismo e o racismo", e ante unha esquerda á que lle marcan as decisións a dereita. 

Fronte a isto, reivindicou que Galicia necesita unha formación "forte" como o BNG, que sirva de muro "de contención" fronte involución democrática, pero contra a "irrelevancia política" á que as forzas estatais están a levar a Galicia e que "precariza" aos galegos.

Comentarios