O ministro de Administración Interna de Portugal, Eduardo Cabrita, asegurou este venres que hai "total sintonía" con España para reabrir a fronteira común o 1 de xullo, e que foi reafirmado durante a reunión de ministros do Interior da Unión Europea.
"Foi reafirmada por España e pola miña banda a total sintonía que existe na coordinación de actuacións e no que previamente definiramos sobre o proceso de monitorización do levantamento de fronteiras", dixo Cabrita en rolda de prensa tras a reunión.
As palabras de Cabrita chegan un día despois de que a ministra de Industria, Turismo e Comercio española, Reyes Maroto, dixese que o próximo 22 de xuño se abrirían as fronteiras con Francia e Portugal, unha data que foi despois rectificada polo Goberno español, que aclarou que sería o 1 de xullo.
Sobre as fronteiras externas, Cabrita avanzou que Portugal manterá as restricións aos voos non esenciais destinados fóra da Unión Europea ata o 1 de xullo, como foi proposto pola Comisión Europea. Portugal mantén algunhas excepcións a estas restricións e permite voos aos países lusófonos e a Estados Unidos, Canadá, Venezuela e Sudáfrica, onde hai comunidades significativas de portugueses.
A fronteira entre Portugal e España está pechada desde o 17 de marzo e só se permite o paso de traballadores transfronteirizos, transporte de mercancías e cidadáns nacionais e residentes do país de destino.